DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha das iniciativas que Vicerreitoría e Consello Social impulsarán ao longo de 2021

Un catálogo de servizos achegará ao tecido empresarial as liñas de investigación dos grupos do campus

Promoverán tamén o Premio Campus Crea, para proxectos multidisciplinares do alumnado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Premios
  • Institucional
DUVI Pontevedra 21/01/2021

Dar a coñecer entre a sociedade e o tecido empresarial as múltiples liñas de traballo dos grupos de investigación do campus será o obxectivo do catálogo de servizos que a Vicerreitoría do campus elaborará neste 2021 en colaboración co Consello Social da Universidade de Vigo. Así o anunciaron este xoves o vicerreitor Jorge Soto e o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, nunha rolda de prensa dirixida a dar a coñecer as liñas de colaboración que as dúas entidades manterán ao longo do ano. Nesta “alianza estratéxica para o campus”, como a definiu Soto, insírense así mesmo iniciativas como a creación do Premio Campus Crea, dirixido a recoñecer proxectos innovadores de carácter multidisciplinar realizados polo alumnado, ou a celebración, no mes de abril, da Semana da Creatividade e da Innovación.

A investigación, a cultura, a creatividade e innovación e a educación ambiental, ao abeiro do programa internacional Green Campus, son as catro liñas nas que se sustenta este “plan de traballo conxunto”, como explicou o vicerreitor. Nese mesmo senso, Pedrosa sinalou que este “marco de colaboración, que nos vai permitir actuar en áreas moi diversas”, responde aos “tres puntos fundamentais” que guían a actuación do Consello Social; “o apoio ao alumnado” a proxección da Universidade na sociedade” e a “cada vez máis necesaria conexión” da institución académicas coas empresas. Do mesmo xeito, o presidente do Consello Social lembrou que, ao igual que “atendemos todas as solicitudes que nos fan desde os tres campus” da institución viguesa, este marco de colaboración co campus está aberto a novos proxectos e propostas “que nos irán formulando ao longo do ano”. 

Por outra banda, Jorge Soto subliñou que a situación sanitaria provocada pola covid-19 obriga a “ser moi cautos á hora de facer unha programación”, mais tamén lembrou que a Universidade conta cun “Campus Remoto magnífico” que permitiría, de ser necesario, converter en virtuais diferentes iniciativas. “A mensaxe que queremos transmitir é que a pandemia non nos vai parar á hora de facer campus, á hora de facer actividades que poidan ser boas para a cidade”, engadiu.

Potenciar e proxectar a investigación

Co propósito de que o campus poida dar un “salto cualitativo” no eido da investigación, nesta colaboración insírese accións como a creación do “primeiro catálogo de servizos que os grupos de investigación poden ofertar ás diferentes empresas”, explicou Soto. O propósito desta iniciativa é “pór ao servizo” da sociedade e do tecido empresarial un documento que sirva como “folla de ruta” que amose as empresas os “moi diferentes ámbitos” de traballo dos máis de 20 grupos de investigación do campus. “Entendíamos que había un oco por cubrir, que era transmitir esa información á sociedade”, sinalou o vicerreitor, ao que o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, engadiu que o propósito deste catálogo é “reforzar a conexión” entre Universidade e as empresas, dándolles a coñecer “as liñas de investigación que se poden aplicar fóra do laboratorio e das aulas e que poden axudar ao desenvolvemento das empresas”. Nese senso, Souto lembrou que o pontevedrés é un “campus moi heteroxéneo” caracterizado tamén pola “multidisciplinariedade”, pola súa capacidade para realizar “unha aproximación a determinados problemas e situacións desde diferentes puntos de vista”, algo que “debe ser transmitido tamén neste catálogo”. 

Neste mesmo ámbito, está prevista tamén a organización, cara finais de ano, das III Xornadas de Investigación Crea, así como a colaboración co Consello Social nunha nova Xornada Universidade-Empresa.

Premios para o alumnado

Outra das novidades anunciada nesta presentación foi a creación do Premio Campus Crea, dirixido a recoñecer “proxectos creativos e innovadores” levados a cabo polo alumnado, que deberán ter carácter multidisciplinar e implicar a estudantes de diferentes titulacións. A este galardón que, como apuntou Soto, publicará a súa convocatoria nas próximas semanas, sumaranse uns premios a traballos de fin de grao de fin de máster dos catro ámbitos de coñecemento representados no campus; galardóns que incluirán a publicación destes traballos no International Multidisciplinary Journal Crea, a recentemente presentada revista científica internacional impulsada ao abeiro do proxecto de especialización do campus.

Semana da Creatividade e da Innovación

Tamén no referido ao Campus Crea, Soto anunciou que no mes de abril terá lugar a Semana da Creatividade e da Innovación, que reunirá na súa programación un ciclo de conferencias “que falarán sobre economía circular, emprendemento, hábitos saudables, sustentabilidade e Axenda 2030”. A esta serie de relatorios sumaranse un concurso de fotografía, “actividades de realidade virtual” e outra serie de propostas de ocio, dirixidas todas elas a proxectar “aqueles valores que nos identifican como campus de Pontevedra”, salientou o vicerreitor.

Por outra banda, no eido cultural, Soto subliñou o propósito de “darlle un pulo” a Sala X, “cunha nova programación e un novo estilo”, cuestións nas que actualmente se atopan traballando coa Facultade de Belas Artes. O vicerreitor anunciou así mesmo que está previsto levar a cabo este ano “unha batería actuacións musicais”, que abranguerán “do máis novidoso e vangardista ao máis clásico e tradicional”.