DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha investigación realizada polo grupo HealthyFit con usuarias e usuarios do centro Saraiva Sénior

A Cátedra ACP-Innova constata os beneficios físicos e cognitivos dun programa de exercicio con realidade virtual en persoas maiores

As e os participantes presentaron melloras tanto físicas como cognitivas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Saúde
  • TIC
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 07/06/2022

Impulsada pola Universidade de Vigo e as empresas Saraiva, Activiza e Envita co obxectivo de fomentar a investigación, a innovación e a formación no ámbito do sector sociosanitario dirixido á terceira idade, a Cátedra ACP-Innova serviu como marco para o desenvolvemento dunha investigación dirixida a coñecer os posibles beneficios dun programa de exercicio con realidade virtual en persoas maiores. Desenvolvido polo investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo, os primeiros resultados deste traballo presentáronse nesta xornada nunha mesa redonda promovida pola cátedra, que permitiu coñecer como o "programa para a estimulación física e cognitiva” posto en práctica con usuarios e usuarias do centro Saraiva Senior permitiu acadar melloras tanto nas capacidades funcionais das e os participantes, como na valoración da súa calidade de vida.

Nunha mesa presentada polo presidente da cátedra e investigador principal do grupo HealthyFit, José María Cancela, á presentación destes resultados preliminares do proxecto sumouse tamén a das novas liñas de investigación que se desenvolverán ao abeiro desta cátedra, varias delas centradas nas posibilidades do uso da realidade virtual para promover a práctica de actividade física neste colectivo, un campo ata o de agora "non o suficientemente explorado", como salientou Campo. Nese senso, o investigador e profesor da Facultade de Fisioterapia destacou na súa intervención como o desenvolvemento de programas baseados no uso de videoxogos con "realidade virtual inmersiva, aquela na que perdemos totalmente o contacto co mundo real", poden constituír “unha alternativa segura, divertida e motivadora para a práctica de exercicio” por parte das persoas maiores e polo tanto unha "ferramenta de apoio a terapias físicas e cognitivas".

Videoxogos que implican un traballo físico e cognitivo

O proxecto Deseño e validación dun programa de exercicio físico con realidade virtual inmersiva para a mellora de capacidades funcionais en persoas maiores centrouse en avaliar os efectos dun programa de traballo cos chamados exergames, videoxogos que implican un movemento físico, en “catro grandes bloques de avaliación”, referidos a “capacidades funcionais” como o equilibrio e a marcha, a mobilidade e funcionalidade, a calidade de vida e a seguridade e grao de satisfacción das e os participantes. No estudo levado a cabo en Saraiva durante dez semanas participaron un total de 24 maiores, 13 no grupo experimental e 11 no grupo de control, realizando os primeiros tres sesións á semana de exercicios nas que traballaban, durante seis minutos, co xogo Box VR cuns lentes head-mounted-display. A selección deste xogo, explicou Campo, débese a que “ten unha compoñente física importante”, que permite o traballo tanto cos membros superiores e inferiores como co equilibrio e a velocidade, á vez que implica unha “compoñente cognitiva”, posto que ademais da “estimulación” que supón o desenvolvemento de tarefas “nunha contorna novidosa e lúdica”, a actividade permitía “traballar a concentración, atención, tempos de resposta e velocidade mental”. De feito, a falta de estudos previos neste eido levou a que a fase de preparación do proxecto implicase “testar máis de 500 xogos para ver cales se poderían adecuar a este colectivo”.

“Aínda estamos en fase de análise e recolección de datos, que van desembocar en varias publicacións científicas”, explicou o investigador do grupo HealthyFit dun proxecto que implicou a realización de máis de 450 sesións con realidade virtual, tanto de carácter previo, co obxectivo de contribuír a “aclimatación” das e os participantes co dispositivo, como as inseridas no propio estudo. Cun grupo de participantes cunha media de idade de 85 anos, dos que máis do 80% eran mulleres, o resultado “máis importante” deste proxecto, sinalou Campo, “é que non se rexistraron efectos adversos”. Alén disto, a análise das diferentes avaliacións realizadas ao longo do proxecto permitiu constatar como “os valores de funcionalidade aumentaron”, ao igual que os referidos “á escala de calidade de vida”, tanto nos parámetros relativos a aspectos físicos como mentais, detectándose tamén melloras “mesmo nos parámetros de forza”. Os resultados foron tamén positivos no referido ao “grao de usabilidade” desta tecnoloxía, así como na propia valoración que as e os participantes facían da experiencia, xa que o 83% afirmaron que a repetirían e o 100% que a recomendarían.

Por outra banda, desta primeira análise derivou tamén un “pequeno estudo”, que será proximamente publicado nunha revista científica, sobre os efectos desta terapia de exercicio con realidade virtual en mulleres nonaxenarias, “algo totalmente novidoso a nivel internacional”, recoñece Campo, que lembra que existen moi poucas investigación centradas neste colectivo. “Houbo melloras significativas en valores de equilibrio, marcha e redución do risco de caídas”, adiantou o investigador.

Novas liñas de traballo

Ademais de cun debate cos asistentes, esta xornada completouse coa presentación das novas liñas de investigación que se van desenvolver ao abeiro da Cátedra ACP-Innova. Entre elas, explicou Cancela, atópase outro estudo que se levará a cabo no centro de Saraiva, dirixido desta volta a coñecer “o efecto da realidade virtual, en combinación co traballo aeróbico, en persoas con deterioro cognitivo”.Outras das liñas de traballo centrarase no uso destas tecnoloxías “como ferramenta de relaxación e liberación de estrés” nos traballadores do sector sociosanitario.Outra liña de análise terá como obxectivo tratar de establecer “unha proposta de protocolo de avaliación integral do maior tendo en conta a atención centrada na persoa”, xa que, como explicou Cancela, as ferramentas existentes na actualidade responden a “un estándar”, sen ter en conta as limitacións ou diferencias que implica o contexto cultural das e os maiores.