DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha iniciativa das universidades de Vigo e A Coruña e a empresa que lle dá nome

A Cátedra Aldaba fomentará a participación das mulleres nas TIC

Conta coa participación da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Ourense 02/10/2019

Potenciar e enriquecer o progreso das TIC promocionando unha crecente participación das mulleres no seu desenvolvemento e establecendo canais bidireccionais de colaboración entre a universidade e a empresa. Con este dobre obxectivo presentouse este mércores a Cátedra Aldaba WIB: Women, ICT & Business, que nace froito da colaboración entre as universidades de Vigo e A Coruña e a empresa Aldaba.

Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña, e Enrique A. Fernández, director da empresa Aldaba, foron os encargados de asinar no reitorado coruñés o convenio de creación desta cátedra interuniversitaria. “Achegar o mundo STEM e as carreiras TIC ao sector feminino é un reto europeo e sería unha gran satisfacción conseguir que a metade do mundo se interese polo sector TIC porque actualmente estamos a perder talentos. A través desta Cátedra Aldaba WIB agardamos conseguir moitos éxitos e fomentar esta participación”, afirmou o reitor da Universidade de Vigo. Do mesmo xeito, o reitor da Universidade da Coruña destacou como a cátedra “permitirá visibilizar o papel da muller na ciencia e espertar o seu interese nas ramas tecnolóxicas, dúas liñas que compaxinan coas accións que realiza a universidade a través do seu Campus Innova”.

Pola súa banda, Enrique Fernández explicou como os obxectivos principais desta iniciativa son por unha banda achegar o mundo do TIC ás mulleres para que se interesen nas formacións STEM e fomentar a súa participación na ciencia e, doutra banda, achegar o mundo da investigación á realidade empresarial, salientando “a importancia de establecer canles bidireccionais de colaboración entre a universidade e a empresa co fin de formar aos mozos nas necesidades tecnolóxicas que demanda o tecido empresarial galego”.

Formación, investigación e divulgación

Os centros de adscrición da cátedra son a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense e a Facultade de Informática da Universidade da Coruña en anos alternos. A dirección da cátedra correrá a cargo de Juan Francisco Gálvez, catedrático da Escola Superior de Enxeñaría Informática, e de Ana Belén Porto, profesora titular da Facultade de Informática. A cátedra, cunha dotación de 20.000 euros anuais achegados pola empresa Aldaba, contará con tres liñas de actuación estratéxicas. Así, no eido da formación, aposta por “contribuír á formación de alto nivel dos futuros egresados e egresadas dos centros implicados a través de actividades que acheguen ao alumnado as necesidades e posibilidades de uso das TIC en empresas e facilitar a incorporación ao mundo laboral estes estudantes, facendo fincapé nas competencias, coñecementos e habilidades que demanda o tecido empresarial galego”.

No eido da investigación a cátedra pretende “promover sinerxías en actividades de I+D+i entre ambas universidades coa colaboración de Aldaba e promocionar a posta en marcha de proxectos de I+D+i no ámbito TIC entre diferentes grupos de investigación das universidades e empresas de distintos sectores”. Por último, en divulgación, a nova cátedra quere “xerar coñecemento de calidade, e socialmente relevante, sobre as TIC na empresa e na universidade e visibilizar a participación das mulleres no mundo das TIC, para agudizar o interese das rapazas polas carreiras STEM, en xeral, e en particular polos graos e mestrados en Enxeñería Informática e Telecomunicacións.