A peza audiovisual Supertech foi realiza por estudantes de primeiro da ESO
A Cátedra Aldaba-WIB concede o seu premio Vídeos pola Igualdade a un traballo de alumnado do Colexio Padre Feijoo-Zorelle
O obxectivo da iniciativa é rachar os estereotipos de xénero no eido TIC
A Cátedra Interuniversitaria Aldaba-WIB: Women, ICT & Business, creada pola empresa Aldaba e as universidades da Coruña e Vigo, convocou este ano a primeira edición do certame Vídeos pola Igualdade. Nel convidábase ao alumnado de primeiro ciclo de Educación Secundaria Obrigatoria a presentar pezas audiovisuais que contribuísen a rachar os estereotipos de xénero no eido TIC e a apostar por un futuro tecnolóxico máis igualitario. O certame xa ten gañador: trátase da peza audiovisual Supertech, realizada por estudantado de primeiro curso da ESO do Colexio Plurilingüe Padre Feijoo-Zorelle de Ourense.
O vídeo galardoado, indican desde a cátedra, “presenta a unha superheroína que asume a misión de pór ás mulleres con vocacións STEM no mapa. A través dunha narrativa próxima e participativa, a obra busca derrubar estereotipos e alentar ás mozas a emprender carreiras tecnolóxicas, pondo en valor proxectos que contribúen a reducir a fenda de xénero desde as aulas”. A través da figura dunha superheroína, engaden, o vídeo “consegue algo moi difícil: falar de igualdade sen sermóns, tratar un tema complexo cunha linguaxe próxima, e facelo desde a creatividade, o humor e a participación colectiva”. O xurado, formado pola dirección da Cátedra, valorou especialmente catro aspectos: a orixinalidade, a forza da mensaxe, a calidade da realización e a perspectiva de igualdade. A dotación do premio é de 1000 euros, que se destinará á compra de libros e/ou material informático, a decisión do centro.
A importancia do proceso
O galardón foi entregado este mércores ao Colexio Plurilingüe Padre Feijoo-Zorelle nun acto no que participou Alma Gómez, codirectora da Cátedra Aldaba-WI e profesora da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, e Ariana Carro, da empresa Aldaba. Na súa intervención, esta última destacou que “á marxe de estar aquí para entregar un premio, hoxe recoñecemos ideas, miradas e valores, e, sobre todo, celebramos que a igualdade se constrúe desde as aulas”. Na súa intervención, salientou que “sabemos que o ámbito do TIC segue tendo unha materia pendente: a fenda de xénero; e tamén sabemos que esta fenda non aparece de súpeto na universidade ou no mercado laboral; empeza moito antes, cando se forman as vocacións, cando se constrúen referentes e cando se decide, ás veces sen darse conta, que camiños parecen posibles e cales non”. Por iso, recalcou, creouse este premio Vídeos pola Igualdade: para espertar interese, para rachar estereotipos e para lanzar unha mensaxe clara: a tecnoloxía tamén é cousa de nenas”.
Ariana Carro quixo “destacar non só o resultado final, senón tamén o proceso que hai detrás do vídeo: o traballo en equipo, a reflexión conxunta, a organización e o acompañamento do profesorado. Todo iso forma parte do verdadeiro valor do proxecto”. Ademais, apuntou, felicitou “de maneira moi especial ao alumnado participante, polo seu talento, a súa implicación e a súa ollada crítica” e “ao centro educativo e a persoa coordinadora do traballo, pois sen o compromiso do profesorado e dos centros, iniciativas como esta non serían posibles”.
