DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A ferramenta, aberta á cidadanía, foi presentada este venres

A Cátedra Aldaba-WIB das universidades de Vigo e A Coruña crea o Barómetro da Fenda de Xénero nos Estudos TIC

Os datos poñen en evidencia a evolución da infrarrepresentación feminina nestas titulacións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • TIC
  • Institucional
DUVI Ourense 16/12/2022

No eido da igualdade, unha das preocupacións das institucións académicas é avanzar cara unha maior paridade de xénero nas diferentes titulacións. Neste senso, en setembro de 2019, as universidades de Vigo e A Coruña e a empresa Aldaba puxeron en marcha a Cátedra Aldaba WIB: Women, ICT & Business, co obxectivo de potenciar e enriquecer o progreso das TIC promocionando unha crecente participación das mulleres no seu desenvolvemento e establecendo canles bidireccionais de colaboración entre a academia e a empresa. Froito desta iniciativa presentouse este venres o Barómetro da Fenda de Xénero nos Estudos TIC.

No acto, celebrado na Universidade da Coruña, participaron os reitores das universidades de Vigo e A Coruña, Manuel Reigosa e Julio Abalde respectivamente; as codirectoras da Cátedra Aldaba WIB, Alma Mª Gómez (UVigo) e Virginia Mato; o socio-director de Aldaba, Enrique Fernández; a directora da Área de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez, e a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte da UDC, Cristina López. Na súa intervención, Manuel Reigosa gabou o traballo “excelente” desta cátedra e destacou que “este barómetro vai fornecer de datos que nos permitan traballar na dirección correcta”. Afirmando que as universidades da Coruña e Vigo “somos institucións irmás”, defendeu a colaboración interuniversitaria que deu froitos como esta e outras cátedras en común e tamén puxo en valor o apoio da universidade viguesa á candidatura da Coruña como sede a Agencia Española de Supervisión de Inteligencia Artificial. Pola súa banda, o reitor da Universidade da Coruña agradeceu a colaboración da empresa Aldaba e a súa “sensibilidade ante a falta de mulleres no sector TIC” que se traduce nunha falta de talento, dixo. Abalde asegurou que “como universidade temos o obxectivo de fomentar a vocación entre as nenas e as mulleres polas titulacións da área TIC”.

A cátedra está financiada pola empresa galega Aldaba con 150.000 euros en sete anos motivada por un lado, segundo explicou o socio-director desta empresa, como unha iniciativa de responsabilidade social para devolver á sociedade parte do que lle achega á empresa, e, polo outro, “porque necesitamos da riqueza intelectual que achega a diversidade de xénero para facer o noso traballo”. Así, Fernández animou ás nenas “a que dean o paso á enxeñaría TIC” porque “nos nosos equipos a día de hoxe fáltannos mulleres”, apuntando como na súa empresa hau unha presenza feminina do 25%.

Datos, evolución e preocupación

No marco da Cátedra Aldaba WIB, que ten como centros adscritos a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense e a Facultade de Informática do campus da Coruña, o seu novo Barómetro da Fenda de Xénero nos estudos TIC (BBG-TIC) preséntase como “unha ferramenta web que pon gratuitamente a disposición da sociedade, para visualizar graficamente e poder consultar filtrando por diferentes criterios e ámbitos temporais, a evolución da infrarrepresentación feminina nos estudos de enxeñaría TIC (fundamentalmente a enxeñaría informática e as titulacións máis próximas), en comparación co resto dos estudos”. O BBG-TIC, detallan desde a cátedra, “irase actualizando permanentemente cos novos datos de matriculación, resultados académicos, etc. que vaian publicando as administracións públicas educativas e permitirá coñecer se as medidas que desde os diferentes estamentos da sociedade están a levarse a cabo para reducir esta fenda están a ter éxito ou non”.

As fontes de datos do barómetro son as universidades de Vigo e A Coruña, o Instituto Nacional de Estadística e o Ministerio de Educación y Formación Profesional. A información do barómetro estrutúrase en catro apartados: os datos de mulleres que inician os seus estudos; a comparativa de resultados académicos entre homes e mulleres; indicadores significativos e evolución temporal da presencia feminina nas carreiras TIC e a evolución aproximada da porcentaxe de mulleres dunha mesma xeración ao longo da súa traxectoria académica ata o Bacharelato e a súa comparación co grao en Enxeñaría TIC. Deste xeito, a modo de exemplo, na actualidade o barómetro permite observar “como as mulleres representan máis da metade dos estudantes que se matriculan na universidade pero só o 30% dos que se matriculan en enxeñaría e só un 14% dos que o fan nunha enxeñaría TIC”. Neste senso, Alma Gómez apuntou na presentación que as alumnas universitarias de titulacións TIC teñen uns resultados académicos “lixeiramente” mellores que os dos seus compañeiros de clase. “Isto desmitifica o que se di de que as mulleres non temos capacidades tecnolóxicas”, afirmou a codirectora da cátedra. Do mesmo xeito, Virginia Mato, indicou que nos datos do barómetro pode verse como hai unha caída “dramática” na presenza de mulleres do Bacharelato, cun 54% de alumnas para as xeracións nacidas do 2000 ao 2004, ás titulacións do sector TIC na universidade, co 12% nese mesmo tramo de idade.

Na súa intervención, Águeda Gómez indicou que esta segregación horizontal é un tema “preocupante” nas universidades e que desde as Unidades de Igualdade das institucións académicas trabállase nese sentido con diversas actuacións como o selo Distintivo de Igualdade que promove a universidade viguesa para recoñecer aquelas prácticas que integran e fomentan a perspectiva de xénero. Do mesmo xeito, Cristina López abundou nas iniciativas coruñesas para promover a igualdade de xénero e asegurou que nesta institución académica “apostamos por traballar cos homes pois é moi importante sensibilizar para comprometelos”.

Rede de Provedorías e Valedorías Galicia-Norte de Portugal

Tamén na Universidade da Coruña, este venres celebrouse a reunión da Rede de Provedorías e Valedorías das universidades galegas e do norte de Portugal, contando coa asistencia de Esther Pillado (Universidade de Vigo); Miguel Alcaraz (Universidade de Santiago de Compostela) e Ana Tarrío (Universidade da Coruña), e de Rosa María Vasconcelos (Universidade do Minho); Carlos Costa (Universidade do Porto); Isilda Teixeira Rodrigues (Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro) e Berta Batista (Politécnico do Porto). No transcurso do encontro os reitores das universidades da Coruña e de Vigo tiveron ocasión de reunirse cas e cos valedores e provedores para compartir a análise da situación. Esta rede creouse co obxectivo de establecer vías de colaboración entre estes órganos das universidades galegas e lusas. Entre outras actividades, a rede reúnese anualmente para analizar temas comúns de interese, alternando de cada vez o país do encontro. Nesta ocasión, o obxectivo foi pór en común as normativas que hai nestas universidades con respecto á permanencia do alumnado na universidade e como están a funcionar.