DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A EE de Telecomunicación acolleu o acto de entrega de seis galardóns ao alumnado

A Cátedra Deloitte premia os mellores traballos fin de máster e grao no ámbito da ciberseguridade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Premios
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI 22/11/2018

Por segundo ano consecutivo a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación acolleu ese mediodía o acto de entrega dos premios convocados pola Cátedra Deloitte de Ciberseguridade, que recoñecen os mellores traballos de fin de grao e mestrado do alumnado dese centro e da Escola Superior de Enxeñaría Informática. A identificación do lugar de gravación ou das posibles manipulacións introducidas en imaxes a través das oscilacións rexistradas na iluminación; a seguridade nos dispositivos médicos electrónicos implantados a persoas ou a seguridade en redes entre servidores independentes con independencia do que haxa entre eles, son algunhas das temáticas dos traballo premiados hoxe por un xurado integrado por representantes de Deloitte e as escolas de Telecomunicación e Informática. 

Iago Fernández e Pablo Fondo, recibiron, respectivamente os premios ao mellor traballo fin de grao e fin de mestrado no ámbito da ciberseguridade, dotados con 750 euros. Pola súa banda, Marta Rodríguez e Borxa Méndez acadaron os galardóns polas mellores propostas de traballo fin de grao e fin de máster, respectivamente, premiados, cada un, con 500 euros, mentres que Vlad Dragos e Roberto Benítez acadaron o premio ao mellor traballo fin de máster ou grao con beneficio social, polo que percibirán 1000 euros.

Balance e próximas accións da cátedra

No acto de entrega dos premios o socio de Deloitte e ex alumno da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Rubén Frieiro agradeceu a participación do alumnado na convocatoria, asegurando que “para quen traballa no mundo da ciberseguridade é un privilexio ver ideas novidosas e aínda máis reconfortante é poder premialas”. Pola súa banda, o director da escola, Íñigo Cuiñas, repasou as actividades máis salientables desenvolvidas ao abeiro da cátedra ao longo de 2018, destacando os relatorios, congresos e o curso que sobre seguridade industrial se celebrará a vindeira semana. “A demanda do curso, que será impartido por profesionais de Deloitte con material mercado con fondos da cátedra, acadou un éxito estratosférico con máis de 70 solicitudes”, destacou Cuiñas, que tamén se referiu á posta en marcha este curso do Máster en Ciberseguridade, que se imparte conxuntamente coa Universidade de A Coruña, e sobre o que en breve se asinará un convenio de dobre titulación cunha universidade de Vietnam.

 Cara ao ano que vén, o director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación avanzou a posibilidade de ampliar o ámbito de actuación da Cátedra Deloitte máis aló da ciberseguridade, así como a de reeditar o curso de ciberseguridade de procesos automatizados “porque ten interese na industria 4.0 e pode servirlles aos colegas de enxeñaría industrial que pediron participar este ano, para que se dean conta da importancia da transmisión de datos”, dixo Cuiñas.