DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor e a presidenta da Deputación presentaron este luns a páxina

A Cátedra Depo-UVigo estrea un espazo web para fomentar “a nova cultura dixital feminista”

Manuel Reigosa animou a prestar atención ás redes “para combater o machismo máis rancio”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 02/11/2020

Proxectos de investigación, estudos, convocatorias, bolsas, premios... toda a información relacionada co feminismo 4.0 está dende hoxe reunida nunha web, na nova páxina da Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo. O portal, presentado polo reitor, Manuel Reigosa, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañados pola directora da Unidade de Igualdade da Universidade, Águeda Gómez, pretende converterse nun espazo de referencia “que permitirá vertebrar os proxectos que se desenvolven arredor da cátedra e ser unha carta de presentación da mesma, un lugar de encontro e información sobre un dos proxectos máis potentes que desenvolvemos Deputación e UVigo”, en palabras de Silva. 

A web, que xa está accesible é un paso máis na consolidación desta cátedra, posta en marcha o curso pasado e renovada no mes de xullo, que “pretende promover o impulso de actividades de investigación e innovación feminista, moi particularmente, dando prioridade ao que ten que ver co estudo das carreiras Stem (polas siglas en inglés de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), onde as mulleres estamos infrarrepresentadas”, explicaba a presidenta da Deputación. Ambas institucións amosáronse “preocupadas porque a matrícula de mozas” neste tipo de estudos segue descendendo, “cando son eidos claves no mundo actual e van ser indiscutiblemente prioritarios no futuro”. 

Dende a Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo estanse a desenvolver propostas que teñen por obxectivo fomentar a presenza feminina neste tipo estudos, como os premios GirlGeekCovid, que ofrecen un premio de 2000€ e un accésit de 1000€ en cada unha das ramas de ciencias e enxeñaría e para os que xa se presentaron 14 traballos (11 de enxeñeiras e tres de ciencias). Por outra banda, tamén se puxo en marcha a segunda edición das Axudas de investigación en cuestións relacionadas coa igualdade, na que se seleccionaron seis proxectos. A presidenta tamén lembrou que se está a traballar na creación dun comité de sabias, “porque habelas hainas” e na segunda edición do Workshop: sociedade dixital e xénero, Hackeando o patriarcado.

Ambas institucións, unidas fronte aqueles que “nos retrotraen a épocas pasadas”

Carmela Silva quixo “agradecer moitísimo” ao reitor “que sempre estea presente en primeira persoa cando falamos de igualdade, o que amosa o compromiso real por parte da Universidade”. Remarcou o valor desta implicación, “sobre todo nestes tempos de incerteza e de pandemia, nos que precisamos dunha Universidade que se comprometa, son só co coñecemento e os contidos, senón tamén cos valores”.
Manuel Reigosa reafirmou esta “obriga coa sociedade” e agradeceu o apoio da Deputación para poder “camiñar máis rápido cara a igualdade, que é unha bandeira para nós como Universidade”. Facía fincapé o reitor na necesidade de atender ao mundo dixital, “un dos acertos da cátedra, para combater non só os micromachismos na rede, senón un machismo moi rancio que nos retrotrae a épocas pasadas”. Neste mesmo sentido pronunciábase Silva, que advertía da existencia de “energúmenos e cretinos que promoven a violencia, o ruído e a confrontación e se moven na mentira e a postverdade co obxectivo de prioritario de loitar contra a igualdade que o feminismo leva tanto tempo reclamando". Por isto, coincidía co reitor en afirmar que “é moi importante, hoxe máis ca nunca, seguir apostando pola igualdade”.

Unha web, un lugar de encontro e un espazo de estudo

A directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Águeda Gómez, foi a encargada de repasar os contidos que se poden atopar nesta nova web. Explicaba que se trata de “impulsar unha nova cultura dixital feminista” a través de dúas dimensións. Por unha banda, na dimensión material, “en canto que as mulleres non estamos nas STEM, nin nos estudos nin nos empregos, que son o futuro e tamén os mellor remunerados”, polo que a cátedra trata de impulsar estas vocacións científico-tecnolóxicas. Na dimensión simbólica, a experta lembrou que tamén hai que loitar contra “a cultura machista e misóxina” das redes e os “machitroles en internet”. Recoñecía que “cada vez hai máis malestar no mundo dixital sobre todas as agresións que recibimos por ser mulleres e nesta web queremos concentrar esa pretensión que temos para axudar a facer unha reflexión común sobre o que está pasando e sobre os retos que temos á hora de mudar esa cultura dixital".

No portal as persoas usuarias poderán atopar tanto as actividades que impulsa a propia cátedra, como outras alleas, dende convocatorias de bolsas para axudar ás rapazas a entrar nas STEM a webs de divulgación de pensamento crítico feminista na contorna dixital. Ademais, Gómez avanzou que se está a crear unha “mini epistemoloxía crítica feminista” na que se recollen resultados dos proxectos de investigación da cátedra, ponencias dos workshop, etc.