DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Outorgada ao profesor de Dirección e Xestión Pública Celso Cancela, dentro das accións Jean Monnet

Unha cátedra europea permitirá pór o foco nos efectos da dixitalización na UE

Abrangue tanto traballos de investigación como actividades formativas e divulgativas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Internacional
  • Investigación
DUVI Pontevedra 09/12/2022

Os efectos da dixitalización tanto sobre os servizos públicos como sobre a propia soberanía das institucións comunitarias constitúen o eixo central da Cátedra Jean Monnet que a Comisión Europea concedeu ao profesor da Facultade de Dirección e Xestión Pública Celso Cancela. Baixo o título de European Institutions and Citizens: Adapting the EU to the digitalisation challenges (EICAUED), esta cátedra posibilitará o desenvolvemento ao longo dos próximos tres anos tanto de traballos de investigación sobre as implicacións da dixitalización na actuación e políticas da UE, como a organización de actividades formativas e divulgativas. 

Inseridas no programa europeo Erasmus+, as cátedras Jean Monnet teñen como obxectivo profundar no ensino dos estudos sobre a UE nas institucións de ensino superior. Neste caso, a proposta seleccionada pola Comisión Europea busca pór o foco, como recolle a súa memoria, na abordaxe de diferentes cuestións “relacionadas coa organización institucional nun contexto de transición á dixitalización”, afondando nos efectos destas transformacións e da propia estratexia dixital da UE nas propias institucións comunitarias, e nos servizos e políticas públicas, buscando así mesmo promover “o diálogo e a interacción entre a esfera académica e a sociedade civil, así como a “transferencia de coñecemento aplicable á esfera social e económica”. 

Cofinanciada pola Comisión Europea, trátase da segunda Cátedra Jean Monnet outorgada a este docente da Área de Ciencia Política e da Administración, tras a que desenvolveu entre 2014 e 2017.

Da soberanía dixital aos cambios na relación entre cidadanía e administracións

“Desde hai anos, a Unión Europea está impulsando a dixitalización e os estados están acollendo todas as iniciativas dunha maneira espectacular, asumíndoas rapidamente e facendo os seus respectivos plans para dixitalizar a economía”, sinala Cancela respecto do eixo temático desta cátedra. Particularmente, o docente e investigador busca pór o foco en cuestións como “soberanía dixital”, e nos efectos esta pode ter en múltiples eidos, desde “temas de seguridade e defensa ata nas políticas industriais”. Neste punto, o docente pon o foco en que “a soberanía é un concepto central na ciencia política e na teoría do Estado” e que, no actual contexto, a chamada “soberanía dixital está comprometida pola dependencia tecnolóxica que ten Europa”. 

Do mesmo xeito, a cátedra centrara a súa análise nos efectos da dixitalización nos propios servizos públicos e “en todo o que ten que ver coa transformación que ese está dando na súa prestación en moitos ámbitos”, á vez que en como está a transformar “as relacións entre o cidadán e a administración”. Neste punto, Cancela incide tanto nas posibilidades da dixitalización á hora de realizar directamente trámites e xestións coas institucións comunitarias, como na necesidade de “ter precaución de non incorrer en discriminacións” e evitar que a “fenda dixital” deixe fóra do acceso a estes servizos a determinados colectivos.

Así mesmo, o docente e investigador incide tamén nas implicacións da transformación dixital no eido económico, xa que esta, sinala, “transformará seguramente a nosa economía no futuro”, o que leva a pór o foco en como esa dependencia tecnolóxica fai que a UE “non estea nunha posición vantaxosa”. 

Actividades docentes, divulgativas e de investigación

As accións incluídas nesta cátedra, implican por unha banda un traballo de investigación, centrado en aspectos como os efectos da dixitalización nos servizos públicos, nas axencias ou na participación política, así como en “cuestións relacionadas coa intelixencia artificial vinculada coa Unión Europea e a ciencia política”. Por outra, están previstas tamén diferentes actividades formativas, que terán un “formato híbrido” e a organización de diferentes eventos abertos á cidadanía. 

Neste último eido, explica Cancela, están previstas actividades como un taller no que participarán “persoas vinculadas laboral e profesionalmente coa UE, que virán a contar a súa experiencia, particularmente ao alumnado de Dirección e Xestión Pública, para que vexan as opcións laborais” que poden supor as institucións comunitarias. Tamén se desenvolverá un ciclo cunha “vertente máis reflexiva, máis orientada a debater sobre os grandes temas que afectan á integración europea” e está previsto así mesmo unha actividade na que participen profesionais dos medios de comunicación, dirixida a reflexionar sobre como se percibe na actualidade a UE e o europeísmo.