DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Garda importantes relacións coa regueifa galega e a ‘peleja’ portuguesa

A Cátedra Internacional José Saramago achega a Vigo a literatura de cordel brasileira

Este venres inician tamén a xira por Galicia da escritora portuguesa Isabela Figueiredo

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 27/04/2017

A literatura de cordel brasileira, exemplo claro de tradición oral e popular e con moitas similitudes á regueifa galega e a peleja portuguesa, ten as súas orixes no romanceiro luso e español da Idade Media e do Renacemento, pero a día de hoxe é unha gran descoñecida en Galicia. Conscientes desta realidade a Cátedra Internacional José Saramago celebrou este xoves na Facultade de Filoloxía e Tradución un coloquio co que dar a coñecer este tipo de literatura e a isto sumaranlle, probablemente o vindeiro mes de xuño, unha demostración práctica no Instituto Camões de Vigo na que tamén participarán regueifeiros e cantores de peleja portugueses, e unha exposición sobre estas tres modalidades de literatura oral.

“Todos os anos facemos unhas xornadas sobre Saramago e, a maiores, gústanos organizar diferentes tipos de eventos arredor de temas relacionados non só con Saramago, senón tamén coa literatura portuguesa, brasileira e lusófona en xeral”, subliñou intres antes do inicio do coloquio o profesor Burghard Baltrusch, director da cátedra, ao tempo que explicou que “este ano recibimos, a través da propia cátedra, a visita de dúas investigadoras brasileiras para estudar en Galicia diferentes temas relacionados coa literatura popular e as súas posibles relacións coa literatura de cordel, polo que nos pareceu moi acaído organizar unha actividade destas características”.

O coloquio, que estivo acompañado por unha exposición na biblioteca do centro, contou coa participación de varios especialistas en literatura popular, entre eles o profesor Carlos Nogueira, un dos principais apoios de Baltrush na dirección da cátedra, que foi o encargado de facer un primeiro achegamento a este tipo de literatura. Xunto a el estiveron as dúas investigadoras brasileiras de estancia en Vigo: Gislene Carvalho, da Universidade Federal de Minas Gerais, e Rafaella Teotônio, da Federal de Pernambuco; e a portuguesa Mônica Heloane Carvalho, especialista en Estudos Literarios. Xuntos afondaron en diferentes aspectos relacionados coa literatura de cordel e achegaron a figura de dous dos nomes claves das narrativas do nordeste brasileiro: Leandro Gomes de Barros e Ariano Suassuna.

Visita da escritora portuguesa Isabela Figueiredo

Ademais deste coloquio internacional, a cátedra está a organizar unha xira por Galicia da escritora Isabela Figueiredo, “unha das mostras máis representativas da literatura portuguesa actual”, explica Baltrusch, que indicou que os seus libros Caderno de Memórias Coloniais (2009) e A Gorda (2017), e os seus blogs O Mundo Perfeito e Novo Mundo, son do máis innovador que se está a facer na narrativa do país veciño. “Mañá venres acompañaremos á autora á Escola Oficial de Idiomas en Santiago de Compostela e o sábado visitaremos a libraría La Berberiana da Coruña, se ben o grande evento será o martes día 2 ás 19.00 horas na biblioteca do Centro Cultural Camões en Vigo”, recalcou Baltrusch, que salientou a importancia de organizar actividades no centro da actividade para tentar facilitar a asistencia de todas as persoas que poidan estar interesadas.

As Xornadas José Saramago trasládanse este ano a Pontevedra

Xunto a estas actividades, os responsables da cátedra están tamén xa metidos de cheo na organización II Xornadas José Saramago que, a diferenza do ano pasado, se trasladarán do campus de Vigo ao de Pontevedra e terán coma eixe temático central o Convento de Mafra de Lisboa, do que este ano se celebra o seu tricentenario e sobre o que José Saramago escribiu a novela Memorial do convento, na que recreou a construción deste monumento desde a perspectiva dos traballadores, persoas das clases populares máis baixas. “Nós queremos recrear esta coincidencia do tricentenario da construción e dos 35 anos da propia novela para animar ao alumnado de Belas Artes a crear unha exposición arredor destes temas e tamén aos de Ciencias Sociais e da Comunicación a facer actividades sobre temas de historia ou de política relacionados”, explicou o director da cátedra.