DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa organización de dúas conferencias e un coloquio internacional en Porto

A Cátedra Internacional José Saramago enche de actividades a axenda de setembro

A III xornadas internacionais da cátedra celebraranse a finais de ano en Pontevedra

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
D. Besadío DUVI 18/09/2018

Dúas conferencias na Facultade de Filoloxía e Tradución e un coloquio internacional na Universidade de Porto. Estas son as últimas actividades programadas ao abeiro da I Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo, unha iniciativa que retoma o curso con forza e que ten a mirada posta xa nas III Xornadas Internacionais José Saramago, que este ano volverán celebrarse no campus de Pontevedra  e xirarán entorno ao eixe Literatura, cinema e política.

Narconovelas e poesía política mexicana

Organizadas ao abeiro do proxecto de investigación Poepolit (Poesía actual e política: Análise das relacións contemporáneas entre produción cultural e contexto sociopolítico), as conferencias na FFT correron a cargo da profesora da Universidad Autónoma de Campeche (México) Kenya Gabriela Aubry, experta en literatura mexicana e autora de numerosos artigos sobre literatura hispanoamericana e poesía mexicana dos séculos XX-XXI. Aubry centrou o primeiro dos seus relatorios, celebrado onte luns, na construción social das fronteiras mexicanas, desde a narconovela á novela de fronteira, repasando obras como Otras caras del paraíso, de Francisco José Amparán; Balas de plata, de Élmer Mendoza e Entre perros de Alejandro Almazán. 

Pola contra, hoxe martes elixiu centrar a súa intervención no papel das poetas mexicanas nacidas na década de 1950. Segundo foi explicando, a poesía mexicana circunscríbese nunha ampla tradición do que se podería chamar poesía política, un gran paraugas baixo o que abrigar poemas cívicos, patrióticos, aqueles nos que se satirizan as figuras públicas, os que cuestionan as institucións, os que aluden ao imperialismo cultural e económico norteamericano... “As poetas nacidas na década de 1950 centraron os seus primeiros textos en temas referentes á identidade e á memoria. Non obstante, a crise social pola desprofesionalización política que raia o cinismo, a violación dos dereitos humanos ou o crime organizado, moveu a poetas como Coral Bracho e Minerva Margarita Villarreal a xirar as súas tematizacións cara ao sociopolítico”, explicou a investigadora, ao tempo que reflexionou en torno dos suxeitos poéticos das autoras mencionadas, en tanto axentes poéticos da construción sociopolítica actual.

Encontro internacional en Porto

E de Vigo a Porto para celebrar alí este xoves e venres o Coloquio Internacional O poético e o político na actualidade, actividade coorganizada co Instituto de Literatura Comparada Margarida Losa da Universidade do Porto. “A nosa idea con este encontro é partir de análises textuais para discutir sobre se unha poesía esteticamente complexa ten menos posibilidades de exercer unha influencia política ca outra máis popular, así como se a poesía e os poetas deberían ser máis amplamente recoñecidos como axentes portadores e potenciais conformadores dunha visión ou epistemoloxía especial”, subliña o director da cátedra, o profesor e investigador Burghard  Baltrusch. Trátase, segundo a súa opinión, de determinar cal é a influencia deste tipo de poesía sobre a sociedade e pescudar se a sociedade a recoñece ou non, así como se serían máis as consecuencias ou os riscos implícitos para unha poesía que se asume como apolítica ou ‘separada’ da sociedade.

O coloquio, de entrada libre, arrancará o xoves 20 coa conferencia inaugural Una comunicación otra (poética, política, crisis), a cargo do profesor da Universitat de València Antonio Méndez Rubio e pecharase o venres coa intervención da docente da Universidade do Porto Ana Luísa Amaral que pronunciará o relatorio Vergonha é consentir. Entre o poético e o político