DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa Universidade Lusófona de Humanidades e Tecnologias

A Cátedra Saramago aumenta a súa proxección internacional cun novo convenio de colaboración

As dúas entidades traballan na edición 2021 das conferencias sobre o premio Nobel portugués

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Divulgación
  • Investigación
Rebeca López Villar DUVI 23/03/2021

Desde que no ano 2015 a Universidade de Vigo e a Fundaçao José Saramago firmaron un convenio de colaboración para constituír a I Cátedra Internacional José Saramago, CJS, o proxecto non deixou de medrar, tratando de poñer en valor a figura do autor de Ensaio para a cegueira e, sobre todo, de facer visible a súa relación con temas literarios, sociais, artísticos e políticos.

Co fin de conseguir unha maior proxección internacional e de ampliar as posibilidades de expansión dos seus proxectos, a cátedra acaba de asinar un pacto de colaboración coa Universidade Lusófona de Humanidades e Tecnologias de Lisboa, ULHT, un dos centros universitarios con máis presenza no eido lusófono e noutros puntos do mundo. Así, a entidade lisboeta pasa a formar parte da cátedra xunto a outros membros honoríficos, como o Camões, Instituto da Cooperação e da Língua, a Fundaçao Engenheiro António de Almeida ou a Fundaçao José Saramago, membro fundador. 

Coa recente incorporación da ULHT á cátedra, os responsables esperan organizar máis proxectos de investigación internacionais, crear actividades de difusión da obra universal de Saramago, publicar e intercambiar publicacións e promover a mobilidade de estudantado e persoal docente e investigador. 

Próximos proxectos conxuntos

Froito desta colaboración coa Universidade Lusófona de Humanidades e Tecnologias, a CJS conta con organizar entre novembro e decembro a VI Conferência Internacional José Saramago, unha nova edición das xornadas que, aínda que este ano cambian de nome, manteñen o seu obxectivo de reflexionar sobre o premio Nobel portugués, a súa obra e o seu pensamento. As últimas xornadas, nas que participaron preto de 40 especialistas, celebráronse en decembro de 2020 en colaboración co Museu Nacional da Imprensa, en formato semipresencial por mor das circunstancias sanitarias.

Así mesmo, a cátedra, dirixida polo profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Burghard Baltrusch e polo investigador Carlos Nogueira, continúa promovendo actividades culturais, como o Prémio de Ensaio José Saramago, aberto á participación de calquera alumno universitario ata o 31 de agosto. Os resultados desta convocatoria, que premiará os tres mellores traballos cun lote de libros, faranse públicos na VI Conferência Internacional José Saramago

Procurando o seu crecemento, nos próximos tempos a cátedra manterá novos contactos con diversas entidades públicas e privadas, galegas e estranxeiras, para tratar de acadar financiamentos adicionais, xerar novas pontes e asinar convenios de cooperación, tanto para ideas específicas como para cuestións máis xerais.