DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunhas xornadas que terán lugar do 15 ao 22 de novembro en Filoloxía e Tradución e no Instituto Camo

A Cátedra Saramago celebra o 30 aniversario da publicación de 'A Jangada de pedra'

Este venres inaugurouse unha exposición cos fondos da biblioteca sobre o Nobel portugués

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 11/11/2016

Cunha exposición dos fondos da biblioteca da Facultade de Filoloxía e Tradución sobre as obras de José Saramago arranca este venres o programa de actividades deseñadas pola Cátedra Internacional José Saramago para conmemorar os 30 anos da publicación de A Jangada de Pedra. O prato forte das actividades será a celebración entre os días 15 e 22 deste mes dunhas xornadas na Facultade de Filoloxía e Tradución e no Centro Cultural Português em Vigo – Instituto Camoês. As xornadas están abertas ao público en xeral pero especialmente dirixidas a alumnos e alumnas tanto da Universidade de Vigo como doutros centros. Cinco días de actividades que teñen un común unha “compoñente simultaneamente didáctica e de cidadanía, con diferentes grupos de estudantes de Lingua Portuguesa e de Estudos Lusófonos da Universidade de Vigo involucrados na preparación de exposicións, presentación de comunicacións, na execución de performances e na participación nos debates”, como explica Burghard Baltrusch, director da cátedra.

Lembra que con esta programación de xornadas e exposicións trátase de dar resposta ao “primeiro grande obxectivo da I Cátedra Internacional José Saramago, que é o estudo e a difusión da obra e do pensamento do autor de A Jangada de Pedra, cuxos 30 anos de edición celebramos en 2016”. Ao mesmo tempo, estas xornadas organízanse arredor dos tres eixos principais da acción universitaria e “que o son tamén da propia cátedra: docencia, investigación e actividades de extensión”. Baltrusch sintetiza a finalidade e o espírito deste programa nas palabras do escritor en 1987: “O ser humano não deve contentar-se com o papel do observador. Tem responsabilidade perante o mundo, tem de actuar, intervir”.

Dúas exposicións que completan as xornadas

Este venres arrancou a primeira das dúas exposicións que completarán a programación das xornadas, unha mostra dos fondos bibliográficos da Facultade de Filoloxía e Tradución sobre o Nobel portugués, que comprende tanto as obras do autor en diferentes idiomas, como ensaios e estudos sobre a súa obra, biografías e varias adaptacións cinematográficas das súas obras. O vindeiro luns día 14 inaugurarase no entrada do pavillón central da facultade unha exposición sobre o making off da curtametraxe A Maior Flor do Mundo; sobre os 30 anos da edición de A Jangada de Pedra e sobre outros temas relacionados coa obra de José Saramago.

As Xornadas José Saramago arrancarán o día 15 deste mes e comprenderán relatorios, conferencias, debates, presentación de comunicacións, proxeccións e performances. Unha das conferencias plenarias correrá a cargo de Carlos Nogueira, director da cátedra e versará sobre Literatura e Direito em José Saramago. José Cândido Oliveira Martins, da UCP, será o encargado de impartir outras das conferencias, desta volta, titulada Literatura e paródia em José Saramago e Chelo Loureiro, da Academia Galega do Audiovisual, impartirá unha conferencia titulada A curta-metragem A Maior Flor do Mundo. Paralelamente, estudantes do centro tamén presentarán unha serie de comunicacións sobre temas relacionados coas obras do escritor portugués e terán lugar proxeccións de documentais e películas, como a adaptación cinematográfica de A balsa de pedra, dirixida por George Sluizer; The enemy, de Denis Villeneuve a partir de O Homem Duplicado e Blindness, de Fernando Meireles, a partir de Ensaio sobre a cegueira.

Ademais, o Grupo F, composto por estudantes da Facultade de Filoloxía e Tradución e outras artistas da cidade de Vigo, realizará dúas performances co título Campo de Batalha dentro da programación das xornadas o día 15 no salón de actos do centro e o 18 na Casa de Arines.