DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de presentación de TFM está aberto ata o 26 deste mes e concederanse cinco premios de 500€

A Cátedra Telefónica-UVigo convoca unha nova edición dos Premios Innovación Sostible

Distinguen os mellores traballos de fin de mestrado que presenten propostas relacionadas cos ODS

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • Académica
DUVI 17/10/2022

A Cátedra Telefónica-UVigo pon en marcha unha nova convocatoria dos Premios Innovación Sostible, un recoñecemento para os mellores traballos de fin de mestrado (TFM) que aborden temáticas relacionadas con obxectivos de desenvolvemento sostible. En total outorgaranse cinco premios dotados de 500€ cada un para os TFM que presenten propostas de innovación que aborden melloras aos problemas da humanidade relacionados cos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible) da Axenda 2030.

Estes galardóns están abertos a todo o alumnado da Universidade de Vigo que superase o seu TFM durante o curso 2021/2022 cunha cualificación igual ou superior a 7 puntos. Os traballos poden presentarse ata o 26 deste mes de outubro e, xunto coa solicitude e unha copia do TFM, deberase achegar un informe resaltando o Obxectivo da Axenda 2030 relacionado co traballo e as metas ás que pode contribuír, a súa innovación, posibilidade e viabilidade do seu desenvolvemento e repercusión social. 

A selección dos traballos presentados será efectuada atendendo á calidade do informe, incluíndo a redacción e presentación, así como os datos, estudos e información da relación entre o TFM e os obxectivos da Axenda 2030. Este criterio pode acadar os 6 puntos. Mentres a innovación do traballo poderá supoñer outros 4 puntos e a repercusión e interese social outros 3 puntos. Finalmente, a posibilidade e viabilidade do seu desenvolvemento tamén pode chegar aos 3 puntos. Para a concesión do premio será necesario obter unha puntuación mínima de 10 puntos. 

A comisión de avaliación dos premios estará composta polo director da cátedra, José Cidrás, xunto con Javier Rodeiro, profesor da Área de Linguaxes e Sistemas Informáticos; Elena Alonso, directora da EE de Minas e Enerxía; Camilo Carrillo, catedrático da Área de Enxeñaría Eléctrica; Íñigo Cuíñas, catedrático da Área de Teoría do Sinal e Comunicacións; Beatriz Legerén, profesora da Área de Comunicación Audiovisual e Publicidade; María Montero, profesora da Área de Fundamentos da Análise Económica; Benedicto Soto, profesor da Área de Edafoloxía e José Luis González Cespón, profesor da Área de Expresión Gráfica.