DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Para Traballos Fin de Mestrado que aborden melloras aos problemas da humanidade relacionados cos ODS

A Cátedra Telefónica-UVigo convoca os Premios Innovación Sostible

Outorgaranse cinco galardóns de 500€ e o prazo de presentación de candidaturas pecha o 5 de marzo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • Académica
DUVI 01/03/2021

Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible son un conxunto de metas globais que teñen como finalidade erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todos e todas. En total son 17 obxectivos que os líderes mundiais se marcaron para acadar nun prazo de 15 anos. Abordan eidos que van dende o clima ou as enerxías verdes ata a innovación na industria ou a xustiza social, aspectos moi diversos sobre os que cómpre avanzar. Para incentivar a investigación neste eido, a Cátedra Telefónica-UVigo acaba de convocar os Premios Innovación Sostible, unha iniciativa que ten por obxecto o recoñecemento dos Traballos de fin de Máster (TFM) realizados polo alumnado da Universidade de Vigo que se distingan por ser especialmente relevantes en las temáticas relacionadas con ODS. En total, outorgaranse cinco premios dotados de 500€ cada un deles, para os mellores traballos que presenten propostas de innovación que aborden melloras aos problemas da humanidade relacionados coa Axenda 2030.  

Pode participar nesta convocatoria o alumnado que teña presentado o TFM durante o curso 2019/2020 na Universidade de Vigo cunha cualificación igual a superior a 7 puntos. A temática debe estar relacionada con algún dos 17 obxectivos da Axenda 2030.

O prazo de presentación das candidaturas está aberto ata o 5 de marzo de 2021. As persoas candidatas deberán presentar un informe do TFM resaltando o obxectivo da Axenda 2030 relacionado co traballo, a súa innovación, posibilidade e viabilidade de seu desenvolvemento e repercusión social, así como unha copia en formato pdf do mesmo. Tamén se lles poderá requirir que acheguen outra documentación que resulte necesaria para a correcta avaliación de requisitos e méritos alegados.

Valoración dos traballos presentados

A selección será efectuada por unha comisión que valorará os traballos en función da calidade do informe e a temática vencellada co obxecto da convocatoria (máximo 6 puntos); da innovación (máximo 4 puntos); a repercusión e interese social (máximo 3 puntos) e a posibilidade e viabilidade do seu desenvolvemento (máximo 3 puntos). Para a concesión do premio será necesario obter unha puntuación mínima de 10 puntos.

Esta comisión de selección estará composta polos profesores Javier Rodeiro, da Área de Linguaxes e Sistemas Informáticos; Elena Alonso Prieto, da Área de Explotación de Minas e directora da EEME; Camilo Carrillo, da Área de Enxeñaría Eléctrica; Íñigo Cuiñas, da Área de Teoría do Sinal e Comunicacións; Beatriz Legerén, d Comunicación Audiovisual e Publicidade; María Montero, da Área de Fundamentos da Análise Económica e Benedicto Soto, de Edafoloxía.