DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As solicitudes poden presentarse ata día 18 deste mes de outubro

A Cátedra Telefónica-UVigo premiará os mellores TFM relacionados co desenvolvemento sostible

Distinguiranse os cinco mellores traballos con 500€

Etiquetas
  • Estudantes
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
DUVI 15/10/2021

A Cátedra Telefónica Espazos de Innovación lanza unha convocatoria de premios destinados a poñer en valor os mellores traballos fin de mestrado relacionados co desenvolvemento sostible. En total outorgaranse cinco galardóns cunha contía de 500€ cada un a estudantes da Universidade de Vigo que presentasen o seu TFM ao longo do curso 2020/2021 na Universidade de Vigo cunha cualificación igual ou superior a 7 puntos.

Bautizados como Premios Innovación Sostible da Cátedra Telefónica-UVigo a Traballos Fin de Mestrado (TFM), premiaran os proxectos que presenten propostas de innovación que aborden melloras aos problemas da humanidade relacionados cos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible) da Axenda 2030. Para a comprobación do requisito deberá presentarse, xunto coa solicitude, un informe do traballo resaltando o obxectivo da Axenda 2030 que se aborda no TFM e as metas ás que pode contribuír, a súa innovación, posibilidade e viabilidade do seu desenvolvemento e repercusión social. 

O prazo de presentación das candidaturas rematará o 18 de outubro. A Comisión de Avaliación revisará todas as candidaturas e valorará as propostas atendendo á calidade do informe (6 puntos), incluíndo a calidade da redacción e da presentación e aos datos, estudos e información da relación entre o TFM e os obxectivos da Axenda 2030. Outros 4 puntos dependerá da innovación; 3 da repercusión e interese social da proposta e outros 3 a posibilidade e viabilidade do seu desenvolvemento. Para a concesión do premio será necesario obter unha puntuación mínima de 10 puntos. A comisión dos premios estará composta polo director da Cátedra Telefónica-UVigo, José Cidras, e polos profesores Javier Rodeiro, da Área de Linguaxes e Sistemas Informáticos; Elena Alonso, da Área de Explotación de Minas; Camilo Carrillo, de Enxeñaría Eléctrica; Íñigo Cuiñas, de Teoría do Sinal e Comunicacións; Beatriz Legerén, profesora da Área de Comunicación Audiovisual e Publicidade; María Montero, da área de Fundamentos da Análise Económica e Benedicto Soto, profesor da Área de Edafoloxía.