DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pretende achegar esta ciencia ás persoas interesadas nas bases xenéticas da resposta inmunitaria

A catedrática África González coordina un manual “rigoroso e ameno” sobre inmunoxenética

Xunto con outros catro expertos nacionais neste eido

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 21/09/2018

A inmunoxenética é unha área de coñecemento que experimentou un espectacular avance nos últimos anos. Precisamente por ser un campo de estudo tan recente, existe unha carencia de libros en castelán sobre a materia, un nicho que tratar de encher o Manual sobre Inmunoxenética que coordina a catedrática da Universidade de Vigo África González. En total participan cinco expertos de centros de investigación e universidades nacionais que asinan unha obra “innovadora, con información moi actual e na que participaron expertos en cancro, inmunodeficiencias, autoinmunidade, grupos sanguíneos, inmunoloxía básica e xenética”. Así, os autores do libro son, xunto coa profesora González, que asina tres capítulos, Alfredo Corell, profesor da Universidade de Valladolid; Manuel Juan Otero, xefe de Inmunopatoloxía do Hospital Clínic de Barcelona; Eduardo Muñiz, xefe da división de Inmunohematoloxía do Banc de Sang i Teixits de Barcelona e José R. Regueiro, catedrático de inmunoloxía da Universidade Complutense de Madrid. "Apostamos polo máximo rigor científico pero cunha linguaxe didáctica, expoñendo os coñecementos e aspectos da interacción xenes-inmunidade cunha simbiose perfecta entre as dúas disciplinas”. E é que como destacan os autores no prólogo do libro, “está dirixido principalmente ao alumnado de graos do eido científico, como Medicina, Bioloxía, Química, Veterinaria, Bioquímica ou Biotecnoloxía, pero tamén a residentes e a calquera lector con interese na Inmunoloxía e a Xenética”.

A inmunoxenética, unha disciplina en crecemento

África González explica que a idea de poñer en marcha este libro naceu da experiencia previa nunha publicación sobre Xenética, coordinada por César Benito, na que se incluía un capítulo sobre inmunoxenética. Tras o éxito do volume e o interese polo tema, lembra a catedrática, “Benito propúxome coordinar un libro só dedicado á temática da relación do sistema inmunitario coa xenética”, que segundo explica “é a ciencia que estuda as relacións entre os xenes, as enfermidades e o sistema inmunitario. “É un libro moi actual”, apunta, que cobre unha área de coñecemento que experimentou un espectacular avance nos últimos anos. “Como dicimos no prólogo este libro pretende achegar a Inmunoxenética dunha forma didáctica e amena a todo aquel lector interesado nas bases xenéticas da resposta inmunitaria, así como das súas patoloxías".  Así, todos os capítulos do volume comezan cunha lista de conceptos por estudar e uns obxectivos para a aprendizaxe e rematan coas conclusións, un resume conceptual e dez preguntas de autoavaliación. 

A inmunoxenética en quince capítulos

 O libro iníciase cunha breve historia dos principais fitos en Inmunoxenética, como o descubrimento dos grupos sanguíneos, rexeitamento de transplantes ou a rotura de dogmas da xenética clásica cos mecanismos de recombinación xenética, entre outros, para que o lector poida coñecer posteriormente os principais compoñentes do sistema inmunitario e as súas interaccións.  África González continúa debullando os seguintes capítulos “que se focalizan nas patoloxías, comezando coas inmunodeficiencias de base xenética, as súas causas e tipos principais, pasando polas enfermidades autoinmunes, que se producen cando o sistema inmunitario se dirixe fronte a compoñentes do propio organismo. Neste último capítulo, abórdase sobre todo a relación entre as enfermidades autoinmunes e as moléculas de complexo principal de histocompatibilidade, así como coas inmunodeficiencias.

Outra das patoloxías que se estudan neste bloque é a alerxia, que se está incrementando dun xeito moi importante, sobre todo nos países industrializados, cunha importante compoñente hereditaria, xunto a outros factores tales como ambiente, alimentación e epixenética. “Abordaranse tamén conceptos moi innovadores como o papel del microquimerismo, así como outras enfermidades hereditarias do sistema inmunitario. Afóndase pola xenética dos grupos sanguíneos eritrocitarios, facendo especial fincapé nos principais sistemas descritos e na función biolóxica dos mesmos. Os últimos capítulos céntranse na inmunoterapia xénica, con aplicación tanto en inmunodeficiencias, cancro como en infeccións graves, na inmunoxenética do cancro e finalmente en metodoloxías actuais para os estudos de Inmunoxenética. 

Como resume a coordinadora, “agardamos que este libro sexa de interese, aclare conceptos e resolva dúbidas, e que o seu estudo poida axudar a todos aqueles profesionais que desenvolven un labor onde a Inmunoxenética xogue un papel importante”. Os autores amósanse moi satisfeitos co resultado e recoñecen que “a dificultade maior foi homoxeneizar os textos, o nivel, a extensión dos capítulos, etc”. Tamén destacan que o libro, que na súa versión en liña está en cor, é froito dun grande esforzo para que sexa moi visual, con moitos esquemas, fotos e gráficos. Como apunta González, trátase dunha publicación “moi rigorosa e agardamos que sexa atractiva para o alumnado, que axude na súa aprendizaxe, que aclare conceptos”.