DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sae á rúa hoxe mércores da man da editorial La Esfera de los libros

A catedrática África González publica 'Inmuno Power', un manual que desvela os segredos do sistema inmunitario

Aborda temas como o seu papel fronte ao cancro, as alerxias ou a importancia das vacinas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
M. Del Río DUVI 01/09/2021

Inmuno Power é un libro co que a súa autora, a catedrática da Universidade de Vigo África González quere axudar “a entender dunha forma sinxela e divulgativa que é o sistema inmunitario, un dos sistemas máis complexos do noso corpo”. Así o explica a propia autora que ao longo de 288 páxinas analiza que é e como funciona o sistema inmune e achega as claves para coidar e protexer “a primeira liña de defensa do corpo humano”. 

O volume nace, como recoñece a autora, “da necesidade de explicar e resolver moitas dúbidas que xorden” e da falta de “libros divulgativos sobre como funcionan as nosas defensas, como podemos fortalecelas, que son as vacinas, as alerxias, as intolerancias, a inmunidade en nenos...” Para iso achega respostas a numerosas preguntas relacionadas co sistema inmune: de que nos protexe o sistema inmunitario? cal é o seu papel para defendernos do cancro? como inflúe a idade ou a alimentación nas nosas defensas? cal sería a vacina perfecta?. Outros dos temas que aborda a científica neste libro pasan polo funcionamento dos anticorpos, as alerxias, as diferencias entre as alerxias alimentarias e as intolerancias ou a función da febre. Ademais, como destacada investigadora neste eido, África González presenta neste libro tamén as técnicas inmunolóxicas e últimos avances en inmunoterapia.

González recoñece que, en xeral, a cidadanía está “moi interesada pola saúde e a pandemia evidenciouno aínda máis”. Por iso destaca a necesidade de facer un esforzo “para explicarse de forma divertida, próxima pero rigorosa, evitando enganos, mitos e pseudociencia. Hai que ser moi críticos e ter moito coidado con algunhas cousas que se publican ou venden e que non teñen ningún respaldo científico”. O manual, publicado pola editorial La Esfera de los libros, está destinado a todos os públicos, organizado en capítulos independentes e en formato preguntas-respostas, amenizado por “ilustracións frescas e divertidas”. 

Sentinelas protexendo o castelo

A catedrática recoñece que se ten transmitido “que o sistema inmunitario é complexo, pero todo é posible explicalo e adaptalo a distintos niveis”. Neste caso defíneo como “toda unha serie de sentinelas protexendo o noso castelo, preparados para actuar se entra o inimigo. Se con eles non é suficiente e non se contén a agresión, chámase a outros soldados moito máis específicos. Estes son máis lentos en actuar pero moi eficaces”. No libro, a catedrática explica como funciona este exército, quen e como o dirixe e como se detén. Todo este sistema tamén “vixía fronte a tumores, detecta sinais de perigo internas e rexeita transplantes incompatibles, ao tempo que repara os tecidos unha vez que a infección foi resolta”. 

Precisamente unha das claves que se abordan no libro é a posibilidade reforzar e fortalecer o sistema inmunitario. “É, xunto co sistema nervioso, o único que ten memoria a longo prazo, e ao igual que podemos adestrar e aprender cousas, tamén o fai o noso sistema inmunitario”. O mellor adestramento, explica, son as vacinas, “que nos van evitar enfermar”. Pero con todo, ao longo da vida as persoas están “sometidas a estímulos infecciosos e fronte a eles, a defensa é o sistema inmune”. Na súa efectividade e fortaleza inflúen, lembra a docente, “aspectos como a xenética, sexo, idade, vacinas previas ou infeccións, fármacos, nutrición, deporte, estrés, consumo de tabaco, alcol, drogas, horas de sono....e tamén elementos do propio patóxeno como a súa virulencia, mutacións, capacidade de contaxio... que farán que unha persoa poda ou non infectarse”.

Segundo González, Inmuno Power ben podería ser un libro de cabeceira que axude a resolver moitas dúbidas que aínda existen, porque “a inmunoloxía é unha especialidade relativamente nova, con pouca participación nos plans de estudo”. Neste sentido considera que se debería incrementar a súa presenza a distintos niveis, dende colexios e institutos ata a formación universitaria, porque “é importante saber que o sistema inmunitario está na base de moitas enfermidades e, canto mellor o coñezamos,  mellor poderemos abordalas”. O libro pode adquirirse a partir deste mércores 1 de setembro.