DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É a única representante do SUG no órgano de asesoramento á ministra de Justicia 

A catedrática Esther Pillado achega unha perspectiva galega e maior paridade á Comisión General de Codificación 

O Ministerio de Justicia  nomeouna vocal permanente adscrita á Sección de Derecho Procesal

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Igualdade
  • Institucional
Mº del Carmen Echevarría DUVI 14/02/2019

A preparación de textos prelexislativos e de carácter regulamentario, xunto a outras tarefas que se lle encomenden co obxectivo de mellorar a orientación, preservación e tutela do ordenamento xurídico, son as principais funcións da Comisión General de Codificación, un órgano colexiado de asesoramento ao ministro ou ministra de Xustiza, quen se encarga de nomear as e os vogais permanentes da Comisión, que ten cinco seccións: Derecho Civil, Derecho Mercantil, Derecho Publico, Derecho Penal e Derecho Procesal. O pasado mes de outubro a titular de Justicia, Dolores Delgado, nomeaba, co obxectivo de dar cumprimento ao seu compromiso por acadar a paridade na composición deste órgano asesor do Ministerio que dirixe, a tres xuristas, que quedaron adscritas á Sección de Derecho Procesal. 

“Para min supón un recoñecemento a anos de dedicación ao estudo e investigación no ámbito do Dereito Procesual. Ademais foi especialmente importante a miña designación tendo en conta que a miña traxectoria profesional desenvolveuse, salvo períodos de estadías de investigación ou docentes noutras universidades españolas e estranxeiras, na Universidade de Vigo, nova e con pouca tradición no campo do Dereito”, explica a catedrática de Dereito Procesual Esther Pillado González, nomeada por Dolores Delgado para incorporarse á Sección de Derecho Procesal, xunto ás tamén catedráticas das universidades de Valencia e Valladolid, Silvia Barona Vilar e Coral Arangüena Fanego, respectivamente.

Xunto á preparación da lexislación codificada ou outras propostas normativas que expresamente recomende a ministra de Justicia, a Comisión General de Codificación, ten entre as súas funcións a revisión de corpos legais e leis vixentes nas diversas ramas do Dereito e a exposición ao titular de Justicia do resultado dos seus estudos; a elaboración de proxectos que se relacionen coas actividades propias da súa función; a elaboración de ditames ou informes e a corrección técnica, de claridade da linguaxe xurídica e de estilo dos anteproxectos de lei e proxectos de disposicións que lle encomende a ou o titular do Ministerio de Justicia.

A única vogal das universidades galegas na Sección de Derecho Procesal 

A Sección de Derecho Procesal está formada por 27 vogais permanentes entre xuristas de recoñecido prestixio que acrediten, cando menos, quince anos de dedicación científica ao Dereito ou exercicio profesional no ámbito xurídico. Pillado destaca que todos os membros da Comisión son expertos en Dereito Procesual e cada un deles ten un papel importante no proceso de elaboración dunha norma concreta ou na redacción dun informe solicitado desde o Ministerio de Justicia. “No meu caso, destacaría, ademais, que coa miña incorporación se leva á Comisión a visión que se pode ter das distintas temáticas desde Galicia á vista do noso dereito propio e as nosas circunstancias económicas, sociais e culturais, en canto son a única vogal na Sección Procesal das universidades da nosa comunidade autónoma”, explica a catedrática da Universidade de Vigo, para quen tamén é igualmente relevante o feito de acadar unha maior paridade na composición da comisión, “o que permite introducir diferentes sensibilidades en temas de especial relevancia no momento actual, como pode ser a violencia de xénero”, sinala Pillado.

Ademais de exercer a docencia e a investigación na Universidade de Vigo, Esther Pillado é socia do despacho MAIO-Legal e ata este ano participaba na coordinación do Servizo de Mediación Familiar Intraxudicial de Vigo e Pontevedra, que partir de agora será xestionado desde os colexios de avogados e psicólogos, tal e como se fai noutras cidades galegas. “Os decanos dos colexios saben que estou a súa disposición para calquera colaboración que se considere precisa e que poida redundar en beneficio do funcionamento do servizo, que non podemos esquecer, é un laboratorio de especial interese para a Universidade e en concreto para o programa de doutoramento que eu coordino, no que hai varias persoas facendo teses en materia de mediación e tamén sería conveniente que o noso alumnado puidera asistir a algunhas sesións do servizo co obxecto de complementar a súa formación en mediación”, explica a catedrática da Universidade de Vigo.