DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xunto a David Wexler, da Universidad de Puerto Rico, e a maxistrada arxentina Silvia Oyhamburu

A catedrática Francisca Fariña, impulsora da primeira revista en español sobre xustiza terapéutica

Coordinan tamén dous libros sobre o desenvolvemento deste paradigma nos países iberoamericanos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Publicacións
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 24/05/2021

Promover que tanto a lexislación como os procedementos xudiciais e as actuacións dos diferentes operadores xurídicos involucrados procuren o benestar emocional e psicolóxico de todas as persoas implicadas é a base da xustiza terapéutica. Co obxectivo de promover a investigación e a difusión deste “novo paradigma legal”, a catedrática da Psicoloxía Básica e Psicoloxía Xurídica do Menor da Universidade de Vigo Francisca Fariña impulsou xunto co investigador da Universidad de Puerto Rico David Wexler e a maxistrada arxentina Slvia Oyhamburu a Revista Iberoamericana de Justicia Terapéutica, a primeira publicación científica en español que se centra nun paradigma que “pondera o efecto terapéutico e antiterapéutico das normas, os procedementos legais e das prácticas e técnicas dos axentes que interveñen no ámbito legal”, explica Fariña. Así mesmo, con ese mesmo obxectivo de contribuír ao seu desenvolvemento e estudo, os directores desta revista coordinaron tamén dous libros, publicados nos últimos meses, no que académicos e axentes xurídicos analizan tamén unha serie de experiencias levadas a cabo en diferentes países iberoamericanos.

“Existe unha necesidade xeral de formación en xustiza terapéutica, non só no noso país, senón tamén en toda Iberoamérica, polo que se requiren publicacións que axuden á difusión do coñecemento”, salienta Fariña, presidenta da Asociación Iberoamericana de Justicia Terapéutica (AITJ). Editada por IJ International Group, un selo que “publica máis de 300 revistas xurídicas das institucións e autores máis prestixiosos de América Latina”, esta revista internacional ten como obxectivo “abrir un espazo para compartir avances na materia, experiencias e propostas concretas”, como recolle o seu texto de presentación. De carácter semestral, trátase da “única revista en lingua española” centrada na xustiza terapéutica, xa que ata a súa creación só existía o International Journal of Therapeutic Jurisprudence, que publica a Arizona Summit Law School.

Un “paradigma multidisciplinar” por desenvolver

Como explica Fariña, a xustiza terapéutica “ocúpase do impacto da lei no espectro emocional e no benestar psicolóxico das persoas”, de tal xeito que “propón ver o dereito dunha forma máis enriquecedora, humanizando a lei”. Trátase, engade, dun “paradigma multidisciplinar, que pode e débese aplicar en todo o ámbito da lei”, que afecta tamén a todos os implicados nun procedemento xudicial e que aínda que centra a súa análise no ámbito xurídico, “a súa aplicación ten consecuencias positivas en ámbitos moi diversos, como o sanitario, o educativo ou o laboral”. Nese senso, dotar dese carácter “multidiscpilinar” á revista foi o outro dos “desafíos”, como recoñece Fariña, dos responsables desta publicación que, con esa idea, abrangue catro áreas de interese; a lei, os procedementos, as prácticas legais e a interdisciplinariedade.

“Promovemos a investigación científica da xustiza terapéutica, así como a súa expansión entre científicos, docentes e profesionais, e tamén o estímulo dos seus procedementos e prácticas”, salientan os directores desta publicación, que vén de editar o seu segundo número. “O certo é que a resposta está sendo moi boa”, recoñece Fariña, que explica que os traballos para impulsar unha publicación periódica “que considerabamos necesaria” comezaron en 2017, trala súa reelección como presidenta da AITJ, de cuxa xunta directiva forman parte tamén os investigadores da UVigo Esther Pillado e Pablo Grande. Esta revista internacional reúne nos seus comités científico e asesor preto de 50 expertos e membros da xudicatura de España, Portugal, Estados Unidos, México, Chile, Arxentina, Colombia, Brasil, Panamá e República Dominicana; á vez que conta tamén cun comité revisor de estilo, coordinado polo profesor da UVigo Miguel Cuevas.

Situación e experiencias a ambos lados do Atlántico

“En España temos moitas leis que poderíamos dicir que se axustan bastante á xustiza terapéutica”, mais, sinala Fariña, “en bastantes casos a maneira en como se aplican e os procedementos que se utilizan son moi mellorables desde a óptica” deste paradigma. No caso de América Latina, “en xeral ocorre o mesmo”, recoñece a catedrática, que á súa vez sinala experiencias xa en marcha en diferentes países e que están a colleitar “moi bos resultados”, como podería ser o caso dos “tribunais especializados de tratamento de drogas, promovidos principalmente pola Organización dos Estados Americanos”.

A análise dalgunhas destas iniciativas xunto coa reflexión sobre a aplicación deste desenvolvemento deste paradigma forman parte dos dous libros, coordinados por Fariña, Wexler e Oyhamburu, que nos últimos meses publicaron coa editorial Wolters Kluwer, Justicia terapéutica: un nuevo paradigma penal e Justicia terapéutica en Iberoamérica. “Son dous libros complementarios, nos que participan autores de diferentes disciplinas, principalmente do dereito e da psicoloxía e de diferentes países, tamén do ámbito anglosaxón”, explica Fariña, que destaca a vontade destas publicacións de contribuír á “transferencia do coñecemento”, dada a “utilidade e beneficio que ten para as persoas” o estudo e desenvolvemento deste paradigma. Nese senso, a primeira destas publicacións, como recolle o seu texto de presentación, “unifica un discurso dirixido a revisar as visións convencionais e pasar a ofrecer un modelo de diálogo interdisciplinario”, mentres que o segundo volume busca proporcionar “novas achegas sobre xustiza terapéutica a todos aqueles operadores xurídicos iberoamericanos interesados en profundar sobre este novo paradigma legal”. Ambos, reúnen a “profesionais e académicos recoñecidos que están traballando en xustiza terapéutica”, de tal xeito que entre os máis de 30 autores e autoras presentes nestes dous libros figuran investigadores e investigadoras de España, Portugal, Países Baixos, México, Chile, Brasil, Estados Unidos, Colombia e Australia, así como maxistrados de Chile, Arxentina, México e República Dominicana.