DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xunto co biólogo Matiño Cabana e a profesora Anxos Romeo

O catedrático Adolfo Cordero, coautor da primeira guía das libélulas do Xurés

De carácter divulgativo, recolle información de 37 especies

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Pontevedra 04/03/2022

Información sobre as características morfolóxicas, ciclos de vida e de reprodución, comportamento, períodos de voo e estado de conservación de 37 especies de libélulas. Isto é o que se reúne na Guía das libélulas e libeliñas (orde Odonata) do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, unha publicación de carácter divulgativo realizada polo catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero xunto co biólogo Martiño Cabana e a profesora Anxos Romeo. Publicada pola Xunta de Galicia, “dentro das accións do proxecto transfronteirizo da reserva da biosfera Xurés-Gêres”, trátase, como explica Cordero, da “primeira guía de campo” que compila a diversidade de especies da orde Odonata presentes nas parte galega deste parque natural.

“Houbo hai anos un informe feito por unha empresa, mais baseado nun número limitado de localidades, polo que lle faltaban moitas das especies”, precisa o investigador principal do grupo EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación), responsable xunto con Cabana dos textos desta guía, que viu a luz en formato dixital de descarga gratuíta e que se editará tamén en papel. Cordero, Cabana e a profesora Anxos Romeo son os autores das fotografías que completan unha publicación que, como explica o investigador do campus pontevedrés, xurdiu á proposta da Xunta, que lles encargou tanto “unha avaliación das poboacións de odonatos na parte española”, como a realización dunha guía que achegase aos visitantes do parque natural información sobre “a bioloxía e as zonas onde se poden observar” as diferentes especies. 

Unha area transfronteiriza, tamén no “bioxeográfico”

Centrada nas preto de 63.000 hectáreas que comprende a parte galega desta reserva da biosfera, a publicación reúne as especies de libélulas existentes nunha “área transfronteiriza, non só desde o punto de vista político, senón tamén desde o bioxeográfico”, salienta Cordero, xa que o Xurés é unha zona “de influencia moi mediterránea”, pero que, pola altitude, “tamén presenta influencias de zonas máis frías”. De aí que inicialmente prevían que ían atoparse unha maior diversidade de especies das finalmente detectadas. “Aínda que atopamos moitas, faltan algunhas especies de ríos”, recoñece Cordero, algo que supoñen pode deberse, sinala, “a que o río Limia está completamente destruído polos encoros na zona e ademais ten augas moi contaminadas pola gandería intensiva”. 

En total, na guía preséntase información de 37 especies, pertencentes á dez familias, que ademais de polo seu nome científico, identifícanse tamén cos nomes galegos previamente propostos polos autores da guía. Nomes que permiten identificar como candil curvado á Onychogomphus uncatus, a que é “posiblemente a libélula máis común da reserva, só rivalizando en abundancia” coa Boyeria irene, denominada tamén como falcón do luscofusco. Os autores desta publicación diferencian así mesmo as dúas subordes de Odonata existentes como “libeliñas e libélulas”, empregando o primeiro termo, que segue “a tradición dos países lusófonos”, para os exemplares da suborde Zygoptera, de “pequeno e mediano tamaño” e tamén coñecidos como cabaliños ou donceliñas; e o segundo para “animais moito máis grandes e robustos”, pertencentes á suborde dos Anisoptera

Dúas especies protexidas

A suborde dos Anisoptera pertence precisamente a que definen como a “xoia odonatolóxica da rexión”, a “rarísima” Macromia splendens, que, como explica Cordero, só pode atoparse “nuns poucos ríos na parte sur de Galicia”. No caso do Xurés, foi detectada nos ríos Castro-Laboreiro e Salas, en ambos casos “en densidades extremadamente baixas”. A este respecto, o catedrático sinala que “polos nosos propios datos”, na década de 1990 esta especie podía atoparse tamén no encoro de Lindoso, onde xa non está presente, o que lles leva a concluír que as oscilacións de nivel, unidas “á auga contaminada que baixa polo Limia”, fan que este espazo “parece non ter xa capacidade” para albergar unha especie “excepcional”, tamén coñecida como esmeralda espléndida. A Macromia splendens é unha das libélulas do Xurés incluídas nas listaxes de especies en réxime de protección especial da directiva Hábitats, xunto á Osygastra curtisii, unha especie “endémica do sur de Europa”, da que poden atoparse en Galicia a súas “mellores poboacións”. 

Alén destas dúas especies protexidas, os traballos de campo levados a cabo na reserva permitiron aos autores desta guía detectar tamén unha poboación de Orthetrum brunneum, “que é especialmente rara en Galicia”, recoñece Cordero. Por outra banda, entre as libélulas e libeliñas do Xurés atópanse tamén “a maior parte de especies de odonatos fluviais de Galicia”, sendo dominantes os gaiteiros, do xénero Calopteryx. Por outra banda, a presenza na zona de regatos e fervenzas fai que poidan atoparse outra serie de especies como a Calopteryx virgo ou a Cordulegaster boltoni, que son ademais as únicas capaces de habitar os “innumerables regos” con “importantes cambios de nivel” da rexión, ao igual que acontece coa Aeshna cyanea, que vive nos depósitos antiincendio presentes na zona. 

Os efectos da alteración dos hábitats

“Moitas destas especies son moi esixentes coa calidade das augas e desaparecen cando están moi contaminadas”, subliña Cordero, que incide en que o Limia “ten tantas achegas de augas de gandería e agricultura intensivas que o encoro das Cunchas ten que ser pechado mesmo para o baño nos meses máis quentes do ano”, o que dá “unha indicación de que a auga é pésima”, subliña. Nese senso, o responsable do grupo EcoEvo alerta dos efectos que podería ter, de levarse a cabo, o proxecto de transvasar auga dende o encoro das Cunchas ao de Salas, que ten unha auga “de mellor calidade” e que á súa vez nutre o río do mesmo nome, onde os autores desta publicación atoparon as dúas especies protexidas. “Sería un desastre para esas especies”, conclúe Cordero, que sinala que “os tramos finais do Castro Laboreiro e do Salas son os ríos de maior interese odonatolóxico da reserva”.