DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reunidos pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia

O catedrático Carlos Lago, no grupo de expertos que define como será o deporte trala crise da covid-19

Elaboraron unhas guías para minimizar os riscos de contaxio en adestramentos e competición

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Divulgación
  • Saúde
  • Transferencia
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 29/06/2020

Co propósito de determinar que actuacións será preciso acometer para poder retomar, con maior seguridade, os adestramentos e competicións deportivas tralo parón obrigado pola crise sanitaria da covid-19, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia reuniu un grupo de expertos, do que forma parte o catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Carlos Lago. O seu cometido foi elaborar un plan de continxencias que reunise unha serie de orientacións e recomendacións “sobre como debe ser a volta dos distintos deportes, asumindo un escenario no que quizais haxa que convivir durante certo tempo co coronavirus”, partindo ademais do feito de que “non hai demasiada información sobre como adaptar os deportes para minimizar ou reducir o risco de contaxio”, salienta Lago.  

“Realizamos unha pequena análise do que pasou en países onde aconteceron cousas moi graves, como guerras, terremotos ou epidemias, e, a curto prazo, despois deste tipo de eventos, reduciuse enormemente a práctica deportiva”, apunta este experto, que pon de relevo a importancia, en termos de saúde pública, de tratar de evitar un descenso na práctica de actividade física. Lago é o único representante da UVigo nun grupo conformado por expertos e expertas das tres universidades galegas e da Secretaria Xeral para o Deporte e as súas achegas centráronse na definición dunha serie de “orientacións e adaptacións” que permitan adecuar os deportes colectivos a este novo escenario. Este plan de continxencias será trasladado ás diferentes federacións co propósito de que sirva “como unha guía para orientar a volta ao adestramento e á competición nos distintos deportes”. De aí que reúna tanto recomendacións de cara á organización das sesións de adestramento como propostas de cambios nas competicións, que implicarían modificacións nos regulamentos e que foron formuladas co obxectivo de que “alterasen o menos posible a lóxica interna do xogo”, á vez que tratan de “eliminar aquelas situacións nas que o risco de contaxio pode ser maior”. 

A Xunta publicou este luns o primeiro número destas Guías DXT Galego Volvendo con sentidiño, que foi remitido a todos clubs e federacións deportivas, ademais de estar dispoñible na web da Secretaría Xeral para o Deporte. Esta primeira guía reúne unha serie de recomendacións para a aceleración da reactivación e readaptación técnico/táctica do deportista e tras ela chegarán as guías para o adestramento en deportes de equipo e para o adestramento en deportes de loita e combate, que tamén se farán públicas esta semana. Xa a vindeira semana, o proxecto coordinado polo investigador da Universidade da Coruña Rafael Martín Acero completarase coa publicación das guías para a volta a competición en deportes de equipo e en deportes de loita e combate.

Espazo de xogo e tempo de contacto

Reducir ese risco de contaxio “é relativamente fácil”, sinala Lago, “no deporte profesional de moi alto nivel”, onde poden realizarse probas PCR aos deportistas “de maneira habitual”, pero isto é “inviable” no caso do deporte amateur, de formación e escolar, no que pon o foco esta guía. As pautas e recomendacións que reúne articúlanse en torno “a dous aspectos clave a ter en conta para reducir a probabilidade de contaxio”, o espazo de xogo, “o número de metros cadrados que ten cada xogador nunha tarefa ou nun partido”; e o tempo de duración das actividades, xa que seguindo as recomendacións da Organización Mundial para a Saúde, “o máis recomendable é que non haxa tarefas cunha duración de máis de 15 minutos”. Así, propóñense orientacións respecto “de cal debería ser o espazo das tarefas e o número de xogadores” que participan nestas, e tamén respecto da duración dos exercicios, sendo a ideal a inferior a cinco minutos. A través destes criterios, dirixidos a “intentar reducir o tempo no que estás en contacto ou moi cerca doutro xogador” explica Lago, pódese “definir o valor de risco de cada tarefa que fai o adestrador”, de tal xeito que, aínda que poidan producirse contaxios, “ao reducir a exposición, a probabilidade diminúe enormemente”. 

Cambios nas competicións

Este comité articulou o seu traballo en tres grupos, un centrado nos deportes individuais, outro nos de combate e un terceiro nos de equipo, no que o investigador da UVigo centrou o seu labor. “Buscáronse familias de deportes que compartisen unha lóxica de xogo”, sinala o catedrático, que explica que, no caso dos deportes colectivos, tratou de propor “alternativas para reducir a participación dos xogadores con posicións máis estáticas, como os pivotes en baloncesto, as boias no wáter-polo ou os dianteiros no fútbol, apostando por outros sistemas de xogo”.

Do mesmo xeito, tamén se formularon propostas de cambios nas regras das competicións, como, por exemplo, “eliminar o golpeo de cabeza, as disputas de balón polo aire ou os lanzamentos de falta”, no caso de fútbol, propondo alternativas, como, por exemplo, que nas categorías formativas “cada vez que se comete unha falta o equipo sume un punto negativo e ao chegar a unha certa cantidade”, sexan penalizados cun penalti. De igual xeito, a guía reúne unha serie de propostas para o adestramento, como “evitar tarefas con marcaxe individual”, realizar exercicios “con superioridade numérica ou sen oposición”, ou manter “grupos ou parellas estables durante toda a sesión”. Trátase en conxunto, sinala Lago, “de actuacións moi sinxelas, pero que poden ter un impacto moi importante á hora de reducir os contaxios”.