O Claustro aprobou o seu nomeamento con 66 votos a favor, catro en contra e dous en branco
O catedrático de Dereito Mercantil Julio Costas Comesaña convértese no novo valedor da UVigo
Na sesión, celebrada en Pontevedra, presentouse a 2ª Diagnose do acoso sexual e por razón de sexo
O catedrático de Dereito Mercantil Julio Costas foi elixido este martes novo valedor universitario da UVigo na sesión extraordinaria do Claustro celebrada na Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra. A candidatura do profesor da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo recibiu 66 votos a favor, catro en contra e dúas abstencións na segunda rolda de votacións desenvolvida nesta sesión, á que Costas Comesaña concorría como único candidato á Valedoría Universitaria. Xunto á súa elección, o Claustro completouse coa presentación da segunda diagnose do acoso sexual e acoso por razón de sexo na Universidade, por parte da directora da Unidade de Igualdade, Yolanda Rodríguez.
Tras esta votación, Costas toma o relevo da catedrática de Dereito Procesual Esther Pillado á fronte do órgano encargado de velar polos dereitos e liberdades da comunidade universitaria. A súa candidatura, como explicou o reitor, Manuel Reigosa, é resultado dunha “proposta de consenso” acadada polas tres persoas que anunciaron que concorrerían ás eleccións á Reitoría do mes de maio. Prodúcese despois de que non fose posible elixir un novo valedor ou valedora no Claustro celebrado no mes de decembro, no que as candidaturas presentadas por Maribel Doval e Xosé Manuel Cid non acadaron os votos esixidos no regulamento.
Este establece que o valedor ou valedora debe ser elixido por maioría absoluta dos claustrais nunha primeira votación, o que fixo precisa nesta xornada unha segunda rolda de votación, na Costas Comesaña que foi elixido valedor para os próximos seis anos con 66 votos a favor, catro en contra e dúas abstencións. Previamente, o candidato á Valedoría destacou na súa intervención a súa aposta por manter “a independencia, a confianza, a utilidade práctica e a capacidade de influír positivamente nas políticas e procedementos da Universidade” deste órgano. Ao mesmo tempo, anunciou que asumiría esta “responsabilidade” coa vontade de promover melloras no relativo á simplificación de procesos, a eliminación de “desigualdades innecesarias”, así como promover fortalecemento de convivencia e facer “da transparencia e da boa administración unha realidade diaria”.
Reforzar “aquilo que funciona” e abordar “necesidades pendentes"
Licenciado en Dereito pola Universidade de Barcelona e doutor en Dereito da Competencia pola Universidade de Santiago de Compostela, Costas Comesaña (Vigo, 1962) é profesor da Universidade de Vigo desde 1990. Catedrático de Dereito Mercantil desde 2008, foi director do Departamento de Dereito Privado, así como vicedecano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e logo da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. Nestes “máis de 35 anos de vinculación” á UVigo, como lembrou na presentación da súa candidatura, o seu traballo deu lugar á publicación de máis dun centenar de traballos en revistas científicas e obras colectivas e foi recoñecido con cinco sexenios de investigación e un de transferencia. Durante preto de oito anos, exerceu en servizos especiais como conselleiro da Comisión Nacional da Competencia, ao que se suma a súa traxectoria como membro permanente da Sección Primeira da Comisión de Propiedade Intelectual do Ministerio de Cultura, que presidiu entre 2016 e 2019. Actualmente, forma parte do Xurado da Publicidade de Autocontrol, a asociación para a autorregulación da comunicación comercial.
“Considero que esta experiencia na mediación, arbitraxe e resolución de conflitos resulta particularmente idónea para afrontar as competencias que a Valedoría ten estatutariamente recoñecidas”, salientou na súa intervención ante o Claustro. Nela, lembrou que este órgano é unha figura “consolidada como unha peza esencial na defensa dos dereitos e liberdades da comunidade universitaria”, cuxa forza “reside na capacidade de convencer, de argumentar, de evidenciar as disfuncións e de propoñer solucións viables e xustas”.
Nese senso, Costas Comesaña puxo en valor o uso deste órgano por parte da comunidade universitaria, “que confía nel e que recorre a el cando percibe que algo non está a funcionar como debera”. De feito, sinalou que o incremento do número de expedientes e consultas tramitados nos últimos anos constitúe “unha proba de vitalidade democrática, de responsabilidade e de compromiso coa mellora continua”.
Costas destacou nese senso o labor desenvolvido nos últimos seis anos por Pillado e o seu equipo, que permitiron que a UVigo conte a día de hoxe “cunha institución visible, accesible, respectada e eficaz, que ten conseguido que unha parte moi relevante das recomendacións emitidas sexan atendidas e transformadas en cambios concretos”, salientou Costas. De aí que na presentación da súa candidatura sinalase en primeiro termo a súa vontade de “manter e reforzar aquilo que funciona”, como “a independencia de criterio, a proximidade ás persoas, á confidencialidade, a axilidade na resposta, a aposta pola mediación como vía preferente de resolución de conflitos e a cultura de diálogo coa institución”.
Mais, ao mesmo tempo, puxo de relevo a necesidade de “mirar de fronte aquilo que as memorias anuais” amosan como “necesidades pendentes”, xa que, recoñeceu, “existen procedementos que deben mellorar”. O seu obxectivo “será traballar sobre estas frontes con espírito construtivo”, tendo en conta que a “forza” da Valedoría Universitaria reside “na capacidade de convencer”. Entre esas propostas de mellora, apuntou a necesidade de “consolidar o seguimento sistemático das recomendacións”, coa idea de que comprobar “o seu grao real de execución”, así como de visibilizar tanto “aqueles ámbitos nos que a Universidade está a dar unha resposta exemplar”, como aqueles “nos que persisten resistencias ou incumprimentos. Do mesmo xeito, reiterou a súa aposta pola mediación e por “favorecer unha cultura de prevención de conflito” e a importancia de “escoitar de maneira activa todas as voces”. Nese senso, o novo valedor pechou a súa intervención defendendo que a comunidade universitaria non debería entender este órgano como "un último recurso para resolver conflitos máis ou menos enquistados”, senón como “unha aliada na defensa dos dereitos” e na construción dunha Universidade “máis xusta, máis inclusiva e máis coherente cos seus valores”.
Significativa redución do acoso sexual e por razón de sexo na UVigo
A 2ª Diagnose do acoso sexual e acoso por razón de sexo na UVigo, presentada hoxe no Claustro, evidencia, respecto do primeiro estudo realizado no ano 2018, segundo confirmou a directora da Unidade de Igualdade, Yolanda Rodríguez, un descenso significativo nos casos de acoso sexual rexistrados entre o Persoal Docente e Investigador (PDI), pasándose dun 7,07% a un 3,8%; así como no estudantado (4,0% fronte a un 2,5%); mentes que no do Persoal Técnico de Xestión de Administración e Servizos (PTXAS) mantense a proporción (5,84% fronte a un 5,7%). En canto ao acoso por razón de sexo, tamén se confirmou unha tendencia á baixa, reducíndose no primeiro caso entre o PDI dun 9,2% ao 7,3%; do 4,2% ao 3,8% no estudantado, mentres que entre o PTXAS incrementouse de xeito significativo ata case triplicarse, pasándose dun 2,6% a un 6,1%.
Para a directora da Unidade de Igualdade esta segunda diagnose, que por vez primeira tamén avalía as ciberviolencias dixitais na UVigo, “representa un paso decisivo e esperanzador na prevención e erradicación destas conductas no ámbito universitario, así como unha posición firme e proactiva, froito do compromiso institucional da UVigo, que desde o ano 2018 vén desenvolvendo políticas focalizadas na prevención, sensibilización e intervención para erradicar estas conductas de violencia sexual”. Para Rodríguez a comparativa das diagnoses de 2018 e de 2025 “mostra un progreso esperanzador e o éxito das políticas de igualdade da UVigo, cunha tendencia xeral á baixa na maioría dos indicadores”.
Non obstante, a diagnose sinala áreas onde compre intensificar a acción institucional, como a difusión do protocolo contra o acoso sexual por parte do estudantado, que asegura non coñecelo nunha porcentaxe do 80% no caso das alumnas e do 81% no dos alumnos. A posta en marcha de novas estratexias de prevención específicas e campañas para enfrontar as ciberviolencias é outra das áreas onde se requiren máis accións; así como na formación, que rexistra unha baixa participación, nomeadamente no caso dos homes de todos os sectores; e nun compromiso permanente e transversal por parte de toda a comunidade universitaria para facer fronte á natureza estrutural dun problema que ten ás mulleres como principais vítimas.
“A implicación de toda a comunidade universitaria é esencial para avanzar cara un espazo universitario libre de violencias machistas. Só mediante a corresponsabilidade e a cooperación será posible consolidar unha universidade que non só proclame a igualdade como principio normativo, senón que a converta nunha realidade efectiva e permanente”, explicou Rodríguez. Pola súa banda, o reitor, Manuel Reigosa, asegurou esta mañá no Claustro sentirse “moi orgulloso do traballo realizado pola Unidade de Igualdade desde a súa creación, baixo da dirección de Anabel G. Penín. Pero queda moito por facer e non podemos dar un paso atrás, senón volveremos á barbarie”, asegurou.
Resultados da diagnose de 2025
A 2º Diagnose do acoso sexual e acoso por razón de sexo na UVigo, empregou unha metodoloxía multimétodo: o estudo cuantitativo cunha mostra de 1981 integrantes do PDI (425), PTXAS (214) e estudantado (1342); e o estudo cualitativo, que contou con 97 persoas que relataron vivencias propias ou coñecementos de casos de acoso sexual e por razón de sexo na UVigo.
O resultado cuantitativo do informe respecto do PDI confirma que un 3,8% (16 persoas) recoñeceu sufrir acoso sexual, sendo o 93,7 % das vítimas mulleres (7,2% das profesoras fronte ao 0,5 % dos homes). O acoso por razón de sexo afectou ao 7,3 % do colectivo, concentrándose maioritariamente no ámbito das Ciencias Sociais e Xurídicas. O acoso de xénero (menosprezo e actitudes paternalistas) foi a situación máis frecuente, sufrida polo 30,5 % das docentes. En canto aos resultados cualitativos, os relatos describen contacto físico non consentido (tocamentos, agarres), comentarios invasivos sobre a vida privada e menosprezo dos méritos académicos por ser mulleres. Identificáronse tamén actitudes agresivas por parte de estudantado cara ás docentes.
No caso do PTXAS, os resultados cuantitativos revelan que un 5,7 % (13 persoas) informou de acoso sexual, sendo o 7,4 % as mulleres deste colectivo, mentres que o acoso por razón de sexo afectou ao 8,1 % das traballadoras. Un 22,8% das mulleres do PTXAS manifestou ter recibido un trato diferencial ou paternalista polo seu xénero. Así mesmo, as testemuñas (resultados cualitativos) revelan coñecer casos de exhibicionismo, alusións públicas á vida sexual e discriminación vinculada ao embarazo, a lactación ou o coidado de familiares. Tamén se relataron casos coñecidos de corporativismo masculino que illaba ás traballadoras.
Pola súa banda, respecto do estudantado os resultados cuantitativos poñen de manifesto que o 2,5 % (33 estudantes) recoñeceu ser vítima de acoso sexual, afectando principalmente ás alumnas (3,2 % fronte ao 0,5 % dos alumnos). No caso do acoso por razón de sexo, a cifra sobe ao 3,8 %. Un 46,7 % das alumnas afirma ter escoitado comentarios sexistas frecuentes, mentres o ciberacoso sexual é unha realidade para o 11,7 % das estudantes. En canto aos resultados cualitativos, destacan relatos de abuso de poder por parte de PDI (sexualización, miradas ao escote, ou a suxestión de ir ao despacho para aprobar) e acoso entre iguais (tocamentos en espazos como o ximnasio ou difusión de fotos obscenas en grupos de WhatsApp).
