DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun acto virtual que tivo lugar este venres

O catedrático José Montero presenta na Universidade da Sorbonne o seu libro sobre a faceta poética de Cervantes

O volume achégase a unha parte moi “menosprezada” da traxectoria do autor do 'Quijote'

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Publicacións
  • Cultura
M. Del Río DUVI 08/04/2022

A obra literaria de Miguel de Cervantes vai moito máis aló do Quijote e mostra diso é o papel que a poesía tivo na traxectoria do escritor. Para poñela en valor, o profesor e decano de Facultade de Filoloxía e Tradución José Montero publicou no mes de setembro o libro Miguel de Cervantes. El poeta que fue novelista, un volume que reúne e sintetiza materiais diversos “consecuencia dunha longa traxectoria investigadora dedicada ao estudo da obra literaria de Miguel de Cervantes que comezou agora hai 25 anos”.

Despois de presentar o libro en España e en Italia, este venres o catedrático de Literatura Española da Universidade de Vigo tivo ocasión de falar sobre a súa obra na Facultade de Letras da Universidade da Sorbonne. A través dun acto virtual, o profesor vigués deu a coñecer esta obra, publicada pola editorial Sial Pygmalion, acompañado de Maria Zerari, docente da Sorbonne especializada na literatura do Século de Ouro e membro da UFR de Estudos Ibéricos e Latinoamericanos. A investigadora puxo en valor a ampla traxectoria de Montero Reguera no estudo da literatura do Século de Ouro, sobre o que ten publicado máis dun cento de estudos, e en especial como experto cervantista, que o levou a presidir a Asociación de Cervantistas, da que agora é presidente de honra. Segundo a investigadora, El poeta que fue novelista, “un libro imprescindible”, busca explicar como a poesía estivo no centro das preocupacións de Cervantes e visibilizar a súa traxectoria como “un verdadeiro poeta”. 

O profesor Montero recoñecía, neste acto, sentirse “moi honrado” de que a Sorbonne “quixese incorporar a presentación do meu libro dentro das súas actividades; aínda máis polo feito de que na mesma actividade van xuntos os logos da universidade francesa e da nosa Facultade de Filoloxía e Tradución”. E é que como destacaba o autor, esta publicación é froito “dunha moi longa maduración, de case tres décadas, que ten momentos puntuais que pasan polo hispanismo francés e, especialmente, pola Sorbona”, onde arrancou todo o traballo que agora se plasma neste libro. Por isto, o catedrático tamén destacou  a súa “gran débeda” con hispanistas franceses vencellados á Sorbonne e lembrou, en especial, “o maxisterio do profesor Agustín Redondo”. 

A expresión artística que Cervantes cultivou de maneira máis constante

Segundo Montero Reguera, a poesía foi a expresión artística que Miguel de Cervantes cultivou de maneira máis constante ao longo da súa carreira, “dende os seus primeiros anos até o final dos seus días, cando se despide dos lectores cun adeus garcilasiano no Persiles”. Traballou este xénero, recorda o catedrático da UVigo, “ben manuscrito, ben impreso; para academias, xustas e certames; poesía incorporada a libros de prosa ou teatro; seria, xocosa, lírica, burlesca, épica, satírica…” Porén, a súa obra poética quedou eclipsada pola súa proxección como novelista, algo que o docente da UVigo trata de emendar con este volume, no que reúne e sintetiza materiais diversos que foron coidadosamente revisados para artellar este libro, que segundo remarca, non é unha compilación de artigos, “senón un libro que descansa nunha longa dedicación ao tema”.

Na súa opinión, a poesía de Cervantes quedou nun segundo plano por diversos motivos, entre eles a importancia que tivo o Quijote ao longo do tempo e o resto das obras en prosa, especialmente Novelas ejemplares e Persiles y Sigismunda. Pero entre estas causas, Montero tamén sinala a “dificultade de comprensión hoxe de textos poéticos de hai tres séculos”, polas canles en que foi transmitida a poesía de Cervantes e por certa incomprensión da historiografía literaria”. 

Esta produción poética é a que reivindica Montero, xa que considera que “non se pode prescindir dunha expresión literaria que acompañou a Cervantes sempre, en próspera e adversa fortuna, que lle permitiu certo renome no seu momento e que lle insería de cheo nas canles polas que a literatura de entón, a poesía en particular, circulaba”.

Boa acollida do libro

Tras saír o prelo ano pasado, o libro, relata o seu autor, “está tendo unha moi boa acollida”. De feito, avanza que están en preparación “varias recensións en revistas especializadas” e apunta que tamén a prensa escrita “deu conta, en algún caso de maneira destacada”, do seu traballo. 

De feito, a presentación deste venres para o público francés non a primeiro que realiza o catedrático no estranxeiro. Con anterioridade participou nun evento no Instituto Cervantes de Palermo, da man da súa directora, Beatriz Hernanz Angulo, acompañado polo que foi o seu compañeiro de departamento, Fernando Romo, e que incluíu “un coloquio con hispanistas italianos que enriqueceu a presentación”.