DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Advirte que “ese material inflamable” é hábitat e fonte de biodiversidade

O catedrático Luis Navarro defende a necesidade de mirar máis alá da “maleza” na adopción de medidas contra os incendios

“Se convertemos todo en zona a limpar, o prezo será un territorio cada vez máis pobre”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • HR
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 02/09/2025

“Neste momento, tras os tráxicos incendios que sufrimos e ante a onda de expertos que propoñen medidas, observo – con tristura, outra vez – que a maior parte das recomendacións céntranse case en exclusiva na xestión do lume para salvagardar á poboación humana (obxectivo loable e necesario, por suposto). Con todo, boto en falta propostas de xestión ecolóxica de fondo que reduzan a probabilidade de que este problema se repita cada verán”. Con esta reflexión inicia o novo curso académico o catedrático Luis Navarro, profesor do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo e membro do grupo de investigación Agrobioloxía Ambiental: calidade Solos e Plantas.

Comparte estas ideas nun artigo no que reclama a importancia de aproveitar esta catástrofe ambiental para buscar unha saída “diferente e consensuada” ás que se tomaron noutras ocasións. Navarro pon o foco nese “material inflamable que moitos insisten ata a saciedade en chamar ‘maleza’ e que, en realidade, é hábitat: fonte de biodiversidade taxonómica e funcional da que, aínda que algúns se empeñen, non podemos prescindir”. Isto é algo que, ao seu modo de ver, a sociedade, “xestores incluídos”, debe entender rapidamente.

Ademais dunha alta biodiversidade taxonómica (“moitas especies distintas”), este hábitat concentra biodiversidade funcional: organismos con roles complementarios que manteñen o ecosistema (polinizadores, depredadores, herbívoros, descompoñedores, dispersores de sementes, fixadores de nitróxeno etc..). A arquitectura pechada destas matogueiras xeran un microclima interior (menos vento e radiación, máis humidade) e unha estrutura en capas que multiplica refuxios e recursos, por iso neles se intensifican as interaccións que sosteñen o seu funcionamento. “Poida que non sexa conveniente telo nas portas de casa, pero … non podemos prescindir deste tipo de hábitats na natureza”, insiste Navarro.

Canta biomasa debe retirarse?  Reducir riscos sen degradar o sistema

Polo que se refire ao lume, Navarro considera que non só é necesario preguntarse “canta biomasa retiramos”, senón onde e de que tipo, para manter funcións (chan, polinizadores, dispersión de sementes) e reducir riscos sen degradar o sistema que pretendemos defender.

Que implicaría mirar máis aló da “maleza”?

“Non se trata de elixir entre xente ou natureza. Trátase de como deseñamos paisaxes habitables e resilientes, onde a seguridade humana e a integridade ecolóxica non compitan, senón que se reforce”, explica Navarro no seu artigo, onde tamén expón as catro liñas básicas polas que debería pasar este novo modo de facer: recoñecer que as matogueiras non son residuos, senón comunidades con especies clave e funcións; pasar da “limpeza indiscriminada” a establecer plans finos de xestión de “combustibles” por tipos de hábitat, estacionalidade e obxectivos de biodiversidade; deseñar mosaicos e corredores que reduzan a propagación do lume sen homoxeneizar a diversidade (mantendo paisaxes heteroxéneas) e aliñar prevención, restauración post-incendio e conservación a escala de paisaxe, con participación local e ciencia aberta.

“Se convertemos todo en zona a limpar, o prezo para pagar será un territorio cada vez máis pobre e, paradoxalmente, máis vulnerable”, conclúe o docente.