DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Á cita súmase a celebración dun primeiro encontro centrado no slálom

Catoira acollerá do 26 ao 28 de outubro o VII Congreso Internacional de Adestradores de Piragüismo

O seu obxectivo é contribuír á formación de técnicos e alumnado

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 04/07/2018

A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra acolleu este mércores a presentación oficial do VII Congreso Internacional de Adestradores de Piragüismo de Augas Tranquilas e do I Congreso Internacional de Slálom, que se celebrarán en Catoira do 26 ao 28 de outubro de 2018. A cita volve un ano máis á palestra ampliando a súa programación coa modalidade de augas bravas e de novo co obxectivo principal de aumentar a preparación das e dos técnicos e futuros profesionais que se dedican a estas disciplinas deportivas.

A presentación do evento, organizado pola Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, o Concello de Catoria, a Real Federación Española de Piragüismo e a Federación Galega de Piragüismo, contou coa participación dos presidentes do comité organizador, que son Juan José Román Mangas, presidente da Real Federación Española de Piragüismo, e Manuel Isorna, profesor da Universidade de Vigo, e Carlos Souto, director do Campus Crea S2i e Green Campus.  

Os obxectivo xerais da cital, lembrouse na súa presentación, son contribuír á formación actualizada dos técnicos dos clubes de piragüismo e do alumnado do Grao en Ciencias das Actividades Físicas e do Deporte e proporcionar ás e aos adestradores de piragüismo unhas xornadas que sirvan de nexo para a difusión de coñecementos científicos e deportivos, abordando os avances técnicos e de preparación física. Especificamente, a cita aposta por interrelacionar as experiencias e os contidos da aprendizaxe da técnica en piragüismo coa neurociencia; promover a participación, a comunicación e o intercambio das experiencias e recursos no adestramento en piragüismo coa aprendizaxe da técnica; posibilitar o intercambio dos diferentes enfoques e técnicas aplicadas ao adestramento segundo a diferenciación de xénero e formar ás e aos adestradores nas novas técnicas para que melloren as súas competencias profesionais.

Relatores e relatoras de sete países

“A calidade dos relatores é un dos aspectos máis destacable destes congresos”, explica Manuel Isorna. Así, sinala como no amplo panel de participantes estarán referentes como o adestrador Miguel García, que falará da evolución na planificación de Saúl Cravioto dos xogos olímpicos de Beijing a Río, cando pasou dos 500 aos 200 metros. Ao longo dos tres días de sesións, nas mesas redondas e conferencias abordarase un amplo panel de temas que abranguen desde a técnica de kayak de augas tranquilas ata como usar o mindfulness no piragüismo. Polo que respecta aos talleres que se celebrarán centraranse en cuestións como a medición da velocidade, forza e potencia aplicada ao piragüismo; a técnica e execución correcta dos exercicios de musculación e forza para a prevención de lesións e a cineantropometría.

Entre a participación internacional nos congresos, que abrangue sete países, Manuel Isorna destaca a presenza de catro expertas e expertos húngaros, que falarán de temas como o desenvolvemento da técnica e a psicomotricidade nas categorías inferiores ou da perspectiva de xénero no piragüismo. Na programación, o co-presidente do comité organizador tamén recalca a novidade da posta en marcha do I Congreso Internacional de Slálom, que contará con cinco ponencias específicas. “Decidimos pór en marcha este congreso sobre augas bravas atendendo á petición de moitos adestradores que viñan ao congreso de piragüismo”, sinala por último o profesor da Universidade de Vigo.