DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A andaina celebrarase o sábado 21 de xaneiro

Catoira, destino da primeira ruta cultural deste ano

A inscrición está aberta á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 16/01/2023

As rutas culturais da Universidade de Vigo, organizadas pola súa Área de Benestar, Saúde e Deporte, arrancan a súa actividade esta fin de semana, concretamente o sábado 21 de xaneiro, cun percorrido por Catoira (Pontevedra). Será a primeira andaina dunha programación formada por sete roteiros pola xeografía galega e portuguesa que se prologará ata o 13 de maio. Unha vez máis a inscrición está aberta á comunidade universitaria pero tamén da cidadanía en xeral.

A Ruta 1. Catoira (Pontevedra) consta de 16 quilómetros que seguirán o itinerario Catoira, ermida de San Cibrán, lagoa de Pedras Miúdas e torres do Oeste, realizando diferentes paradas interpretativas a cargo de persoal especializado. “Estrearemos o ano cun percorrido de dificultade media-baixa para coñecer o patrimonio natural e histórico de Catoira. Será unha incursión nas lendas das torres do Oeste, chave e selo de Galicia, así como na riqueza etnográfica que atesouran os diversos muíños de vento, río e marea que salpican toda a vila”, indican desde a organización. Trátase, subliña José García-Calvo, Willy, coordinador da programación desde o campus de Ourense, dunha “ruta moi atractiva porque é moi variada” na que as e os participantes poderán coñecer unha “etnografía marabillosa e única” e camiñar por “unha paisaxe moi bonita”. Será, engade, unha andaina “sinxela” coa que recuperar o ritmo de camiñar tras o parón das vacacións de Nadal.

Información práctica

Hai dispoñibles 55 prazas para os campus de Vigo e Pontevedra e outras 55 para o campus de Ourense, habendo autobuses para trasladar ás persoas participantes dende os tres campus da UVigo. As inscricións están abertas de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada ruta no Campus Activo da UVigo. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores á súa celebración permitirase a inscrición de calquera persoa interesada. As persoas menores de 16 anos que desexen participar nesta actividade irán sempre acompañadas dunha persoa adulta responsable e deberán poñerse en contacto coa organización para formalizar a súa inscrición.

O prezo de cada roteiro oscila segundo o colectivo de pertenza e cada un recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Todos os itinerarios para GPS poderán descargarse, xunto coas fotografías de cada percorrido e toda a información complementaria, no blog das andainas. O equipo aconsellable para todas as rutas é, segundo indica desde a organización, mochila pequena con chuvasqueiro, paraugas, apósitos para as bochas, muda completa, navalla, cantimplora ou similar e, a partir do mes de marzo, viseira ou gorra. Para todas as rutas as persoas participantes levarán a súa comida (bocadillos, froita, froitos secos, bebidas, etc.).