DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Están en diversos colexios de Infantil e Primaria de Bristol e Londres

Catro alumnas da mención de Inglés estrean as prácticas de Ciencias da Educación en Reino Unido

O obxectivo é mellorar as súas competencias lingüísticas ao mesmo tempo que as docentes

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Internacional
  • Estudantes
DUVI Ourense 07/11/2018

Un importante paso para a mellora das competencias en idiomas do alumnado dos graos de Infantil e Primaria. Así valoran desde a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense a posta en marcha este curso académico de convenios con varios centros educativos do Reino Unido que permiten a catro das súas alumnas da mención en Linguas Estranxeiras-Inglés estar na actualidade realizando as súas prácticas neles.

Formación e internacionalización

As catro estudantes están a realizar o Prácticum nos colexios da cidade de Bristol Hanham Abbots Junior School e Samuel White’s Infant School e no de Londres St Charles Catholic Primary School, cos que a Universidade de Vigo firmou os respectivos convenios. A posta en marcha destes acordos, comenta Mar García, decana da Facultade de Ciencias da Educación, “é moi positiva” xa que por unha banda permite “ao alumnado ser máis competente no dominio das linguas estranxeiras” e por outra banda “favorece a internacionalización do centro”. A iniciativa é unha das estratexias do centro para mellorar unha materia como é o Prácticum que ten moito peso no plan de estudos en Ciencias da Educación, xa que representa aproximadamente o 20% do título.

“A formación das e dos futuros mestres no dominio real de linguas estranxeiras é un reto en todo o sistema educativo nacional e é unha competencia moi demandada para o acceso profesional tanto a nivel público como privado”, comenta Beatriz Figueroa, profesora da facultade que coordina esta iniciativa cos centros de Reino Unido. Para as alumnas do centro que por primeira vez realizan as prácticas no estranxeiro, detalla Figueroa, “esta estadía é de gran relevancia, non só pola inmersión nun sistema de ensino diferente, co que iso implica, senón tamén pola oportunidade que supón para elas de practicar a lingua inglesa tanto nun contexto escolar como nun contexto xeral”.

Novas metodoloxías e unha lingua diferente

En Bristol están Sara Domínguez, Carla González e Antía González. Desde esa cidade comentan como “estamos a aprender unha maneira de ensinar completamente distinta á que estabamos afeitas, nunca nos imaxinamos que puidese haber tanta diferenza entre países. Isto, aínda que estraño ao principio, sabemos todo o que nos vai a beneficiar nun futuro, xa que empregan metodoloxías que estudamos pero que nunca vimos postas en práctica en ningún colexio da nosa contorna”. As alumnas en Bristol sinalan como “tiñamos claro que vir sería unha boa oportunidade para nós, tanto a nivel profesional, educativo como persoal” aínda que recoñecen como “adaptarnos non foi tan fácil como esperabamos” xa que “buscar aloxamento volveuse moito máis difícil do que esperabamos e afacernos ás normas do colexio tampouco foi de todo sinxelo”. Agora, afirman, “estamos encantadas nos nosos centros e moi satisfeitas de pór tanto empeño ata conseguir o noso obxectivo”.

As mesmas boas impresións comparte desde Londres a alumna María Ramos. Da súa experiencia sinala o impacto que lle supuxo a ela abordar esta estadía soa e nunha gran cidade. “Pensar en viaxar sola, a outro país, con outra lingua, sen coñecer nada nin a ninguén, sen ir a unha universidade onde coñecerás máis xente da túa idade... Pero sempre soñei con facelo e non me arrepinto para nada. As experiencias que vives son impagables”, recalca. Estas circunstancias, afirma, “obrígante a relacionarte, a falar, a coñecer e a saír da túa zona de confort, facendo que sexa unha experiencia máis intensa”. Sobre as súas prácticas apunta que están a ser “incribles”. “Aquí adapteime moi ben desde o primeiro día gracias aos compañeiros, os cales me fixeron sentir como unha máis do equipo. Poder participar desde o primeiro momento en todo é moi difícil, pero é o mellor que pode pasar nas prácticas. Facendo e equivocándose é como se aprende e o fin das prácticas suponse que é aprender”, apunta. Tamén destaca da súa experiencia como “merece a pena coñecer e comprender outros métodos educativos”, apuntando como por exemplo no seu centro, de carácter público, non empregan libros e todo o material escolar proporciónallo a escola.