DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O edificio Redeiras acolleu unha charla interxeracional dentro das actividades do 11F

Catro mulleres de ciencia, catro experiencias vitais

Analizaron os atrancos cos que se atoparon nas diferentes etapas profesionais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 10/02/2022

Dende diferentes eidos do coñecemento, diferentes campus e diferentes etapas profesionais, catro mulleres investigadoras participaron este mércores nunha charla interxeracional enmarcada dentro das actividades organizadas pola Universidade de Vigo co gallo da celebración do Día Internacional da Muller a Nena na Ciencia. As protagonistas da cita, celebrada no marco do proxecto Ciencia de Ida e Volta, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia e Innovación, foron Talía Rodríguez, do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade; Cristina Delgado, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal; Susana Reboreda, da Área de Historia Antiga e Carmen García Mateo, catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións e investigadora de atlanTTic. Cada unha delas relatou como foi súa etapa académica e como se desenvolveu a súa traxectoria profesional ata a actualidade. A pesar de que a separan décadas, coincidiron en que queda moito por facer, que a loita é continua, que as desigualdades de xénero son maiores canto máis se sube na escala profesional e que, en moitas ocasións, son as propias mulleres as que se poñen barreiras.

A encargada de moderar o debate, que tivo lugar no edificio Redeiras, foi a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, que destacou que esta é unha iniciativa impulsada pola Unidade de Cultura Científica que ten como finalidade que estas catro mulleres, en diferentes etapas da súa carreira profesional, compartan as súas experiencias como mulleres na ciencia e analicen as dificultades que se atoparon para desenvolver a súa carreira científica, como o teito de cristal ou a fenda de coidados.

Diferentes momentos, visións similares

As primeiras en intervir foron as docentes máis novas, comezando por Talía Rodríguez, investigadora que desenvolve o seu traballo no eido da produción audiovisual, contidos en televisión, plataformas dixitais, análise de campañas de publicidade e desinformación. Chegou á Universidade tras constatar que a conciliación era imposible no sector audiovisual, “en canto de plantexas ser nai, desapareces do panorama laboral”. Por isto considera que a súa entrada na UVigo foi “doce, xa que entrei durante a miña baixa por maternidade, algo impensable no mundo profesional”. Xa no eido universitario recoñece que “a investigación dende esa perspectiva é máis positiva do que esperaba”. 

Máis atrancos atopou Cristina Delgado, docente e investigadora distinguida do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, que desenvolve o seu traballo na área de ecoloxía e taxonomía das diatomeas, tanto en ecosistemas mariños como en auga doce. Explicou que a súa experiencia foi unha loita continua, xa que a pesar de que durante a etapa da carreira ou da tese “ía á par cos meus compañeiros e non tiven dificultades, chegado a un punto, tes que elixir”, en referencia aos roles de nai ou coidadora, que “pesan moito á hora de tomar decisións e de poñer a profesión por diante”. Recalcou que “moitas veces é culpa nosa, non da sociedade, pero debemos saltar esa barreira e non deixarnos levar por iso”. No seu caso, foi nai mentres traballaba na tese de doutoramento e, “co apoio da miña familia e do meu marido fixen estadías en Portugal e organizámonos para acceder a contratos e conciliar”, aínda que recoñece que sufriu críticas “por non estar co meu fillo todos os días”. Pero o seu caso non é o habitual, recoñecía, “a miña experiencia é que as demais (amigas, colegas, etc.) deixárono polo camiño; elas mesmas puxeron a barreira”. A este respecto, a vicerreitora Mónica Valderrama lembraba que a produción científica da muller “decae entre os 0 e os 3 anos dos seus fillos, o que fixo Cristina é algo atípico”.

Cunha experiencia profesional extensa, Susana Reboreda e Carmen García Mateo achegaron unha perspectiva  temporal máis ampla. Reboreda, docente e investigadora da Área de Historia Antiga dende 1997 centrada na mitoloxía grega e a muller na antiga Grecia, forma parte de varios proxectos relacionados co mundo da muller e a maternidade. Explicou que a súa traxectoria é a dunha persoa “típica da LRU (Lei de Reforma Universitaria), porque estudei en Santiago e seguín a traxectoria básica de bolseira, predoutoramento, etc. ata chegar a ser profesora titular”. Recoñece que foi “un camiño foi doado” no que non se sentiu diferente aos seus compañeiros varóns. “As humanidades teñen un perfil que seguen moitas mulleres, polo que non atopei moitas dificultades”, pero estas si apareceron nunha escala superior e, como exemplo relataba que cando se converteu en profesora titular “só había dúas catedráticas”. Lembrou tamén que sendo decana tivo unha nena, “foron catro anos nos que tiven que renunciar á investigación. Fíxeno encantada pero porque estamos educadas para iso. Eu era consciente, tiña que escoller e parecíame que a xestión era máis apetecible e tomei a decisión”.

A última en achegar a súa experiencia foi Carmen García Mateo, catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións e investigadora responsable do Grupo de investigación en Tecnoloxías Multimedia de atlanTTic. As súas áreas de investigación básicas son a tecnoloxía da fala en galego e castelán, a segmentación de audio e o recoñecemento biométrico de persoas. É coautora de máis de 100 artigos en revistas e congresos internacionais e dirixiu 10 teses. Na súa intervención lembrou como a súa nai se botou a chorar cando lle dixo que ía estudar Enxeñaría de Telecomunicación en Madrid. Alí atopouse con clases de 200 persoas sen unha soa muller. Tras rematar a carreira regresou a Vigo, xusto cando comezaba a tomar forma a EE de Telecomunicación e apostou por involucrarse no proceso. Recoñece que pensaba que coa docencia ía ter que renunciar a parte do seu desenvolvemento profesional, pero “pronto comezamos a facer investigación e transferencia. Foi unha oportunidade que aproveitei e fixen unha carreira investigadora potente”. Neste tempo puido constatar desigualdades en moitos aspectos, por exemplo, cando as mulleres exercen como investigadoras principais, “se somos moi agresivas, cualifícannos de ‘machirulos’, pero no caso dos homes enténdese que é o que teñen que facer”. Sobre a evolución ao longo destes anos, explica que ela segue a ser a única catedrática na súa área de coñecemento, a pesar de que tras o paréntese no proceso de acceso ás cátedras xerado pola crise, hai dez catedráticos novos, todo eles homes.

O debate tamén serviu para analizar como a pandemia agravou a fenda de xénero que xa existía entre as investigadoras e os investigadores, como a fenda de coidados segue a repercutir negativamente no desenvolvemento profesional das mulleres ou como segue habendo, en palabras de Susana Reboreda, “temor a romper os teitos de cristal”.