DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As persoas interesadas teñen de prazo para matricularse ata o venres 14

Catro novas propostas renovan a oferta de cursos da ANL para o segundo cuadrimestre

Inclúese un Obradoiro de lingua oral e unha actividade específica sobre calidade lingüística

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Académica
D. Besadío DUVI 03/02/2025

A Área de Normalización Lingüística acaba de abrir a matrícula para os cursos do segundo cuadrimestre, unha oferta formativa que nesta ocasión se renova case por completo e que engloba seis cursos, incluíndo catro novas propostas coas que a ANL busca seguir mellorando a formación en lingua galega de toda a comunidade universitaria. As persoas interesadas en matricularse poderán facelo ata o vindeiro venres 14, totalmente de balde. 

“Como todos os anos, intentamos ofrecer novos títulos atractivos e prácticos para seguir avanzando na aprendizaxe e mellora da nosa lingua na vida cotiá e profesional”, explican desde a ANL, ao que engaden que se manteñen os cursos de Iniciación á lingua galega, pensado para estudantes de programas de intercambio, PTXAS e PDI da UVigo provenientes de fóra de Galicia, e o de Os erros máis frecuentes na lingua galega, destinado, neste caso, a persoas interesadas en repasar e mellorar os seus coñecementos lingüísticos.

O cuadrimestre pasado participaron nos cursos 130 persoas. “O colectivo que máis acostuma anotarse sempre é o alumnado e dependendo da época PTXAS e PDI”, engaden dende a ANL, ao tempo que lembran que, como xa é habitual, todos os cursos se imparten en liña.

Docencia de febreiro a maio

A nova oferta inclúe un curso sobre A calidade lingüística na universidade (30 horas), outro titulado Galego hoxe (40 h); un terceiro sobre Cuestións de sociolingüística e de léxico (30h) e un Obradoiro de lingua oral (15h). No caso do curso A calidade lingüística na universidade vai dirixido a mellorar a calidade da lingua; afondar nos parámetros de redacción e fomentar o uso do galego. Impartirase entre o 31 de marzo e o 2 de maio.

O Galego hoxe busca que as persoas matriculadas poidan acadar os coñecementos e criterios de elaboración do estándar da lingua galega e da súa normativa oficial, así como coñecer os aspectos ortográficos necesarios para escribir correctamente e adquirir os recursos precisos para corrixir os empregos incorrectos. Será do 25 de febreiro ao 4 de abril. No que respecta a Cuestións de sociolingüística e de léxico impartirase do 1 de abril ao 2 de maio e o Obradoiro de lingua oral levarase a cabo do 25 de marzo ao 29 de abril.