DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Bolo acolleu esta fin de semana as probas de orientación a pé e bicicleta de montaña

Catro primeiros postos no esperado regreso á competición do equipo de orientación

De Begoña Crespo, Diego Pérez, Vicente Pastoriza e Germán Pérez

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
Rebeca López Villar DUVI 22/03/2021

O Bolo e a súa contorna acolleron esta fin de semana a segunda proba da XXX Liga Galega de Orientación a Pé, un evento con 220 participantes co que o equipo de orientación da Universidade de Vigo retomou a súa actividade competitiva despois da longa pausa provocada pola pandemia da covid-19. O regreso do equipo da UVigo non puido ser máis positivo, conseguindo os universitarios catro primeiros postos: Begoña Crespo (feminino 45), Diego Pérez (masculino 16), Vicente Pastoriza (masculino 40) e Germán Pérez (masculino 45). 

A localidade ourensá foi tamén o escenario dunha proba de bicicleta de montaña, MTB, na que este domingo participaron 90 corredoras e corredores, cinco da UVigo. Nesta modalidade, repetiu Begoña Crespo na categoría F50 cun cuarto posto, mentres que Ana Iglesias quedou quinta na mesma categoría e José Luis Armada obtivo a sétima posición en masculino 50. 

As orientadoras e orientadores universitarios afrontan esta nova tempada con moita forza e ganas de competir. De feito, xa na primeira proba da liga, Crespo (F45) e Diego Pérez (M14) obtiñan os mellores postos nas súas categorías con tempos próximos aos 40 minutos.  

Coa mirada posta nas competicións nacionais

As probas da liga desenvólvense seguindo un coidado protocolo sanitario que implica o uso de máscara, toma de temperatura, dispoñibilidade de desinfectante para mans e tarxetas, colas e distancia de seguridade, etc. Neste senso, José Luis Armada, coordinador do equipo, fai balance da situación da liga e comenta que, malia a situación sanitaria, non parece “que a participación diminuíse, ao contrario, a xente fedérase máis para poder asistir ás competicións oficiais”. No caso do equipo universitario esta tempada conta con 16 integrantes para as carreiras a pé e cinco para as de MTB. 

Xa que 2020 foi un ano “especial”, como afirma o coordinador, o equipo confía en que as competicións desta tempada poidan celebrarse cunha relativa normalidade. A anterior Liga Galega de Orientación a Pé comezou cunha proba en Lugo que, coa pandemia, os adiamentos e cancelacións, foi a única de todo o calendario galego. A nivel nacional, o equipo universitario, representado por seis membros, só puido participar no Campeonato de España de Orientación en Extremadura.  

Tendo en conta este contexto, Armada expón que este ano o propósito dos corredores e corredoras é “poder asistir a todas as competicións que se organicen en Galicia, así como os campionatos de España e ibérico, se as condicións sanitarias o permiten”. A próxima cita do equipo é a terceira proba da Liga, que se celebrará o 17 de abril en Abadín.