DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do proxecto de especialización do campus de Ourense

Catro publicacións abordan a temática da auga desde o ámbito humanístico e patrimonial

Os volumes abranguen as diferentes áreas docentes e investigadoras da Facultade de Historia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 11/12/2020

Catro volumes que abordan a temática da auga desde o ámbito humanístico e patrimonial, concretamente desde a historia, a xeografía e a historia da arte, e que permiten coñecer o traballo investigador e docente que se desenvolve desde a Facultade de Historia do campus de Ourense. Así se presentaron este venres as catro publicacións elaboradas a partir do III Congreso Internacional da Auga. Auga, Sociedade e Territorio, celebrado do 25 ao 27 de outubro de 2018 no marco do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus Auga.

A edición corre a cargo da Facultade de Historia, encargada de organizar o congreso, e nela participaron o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio e o Departamento de Historia, Arte e Xeografía, contando ademais co apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia. Durante a presentación da serie, Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, salientou como estas publicacións nacen dun “congreso que foi un éxito non só polo número de comunicacións presentadas senón tamén pola procedencia tan diversa da xente que acudiu a el”. Delas destacou como “reúnen traballos moi diferentes, abordando temáticas desde diferentes puntos de vista, desde diferentes ámbitos e desde diferentes contextos históricos e xeográficos”. Igualmente subliñou como esta iniciativa se enmarca no proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus Auga.

Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, explicou como a presentación desta serie se veu retrasada pola covid-19. Das catro publicacións subliñou como “non son actas do congreso: parten efectivamente do congreso pero nelas non participa toda a xente que o fixo no congreso e participa xente que non estaba nel. O congreso é a base, porque cada publicación corresponde cunha das mesas celebradas nel, pero realmente son volumes monográficos independentes”. Lembrando a boa acollida que tivo o congreso no seu momento, Susana Reboreda destacou como a elaboración destes volumes “foi un proxecto moi entusiasmante” porque, recalcou, “é un traballo conxunto, de todos os membros da nosa facultade”. Así fixo fincapé na importancia destas publicación en canto “alén do interese científico que ten o seu contido é un conxunto que manifesta o que é a Facultade de Historia”. O resultado global, apuntou, “é unha mostra significativa das materias que impartimos no centro e das temáticas das nosas liñas de investigación”.  

3+1

A iniciativa articúlase en catro volumes, sendo o nexo común a auga e a abordaxe desde o ámbito humanístico e patrimonial. Tres dos volumes agrúpanse ademais baixo a denominación Perspectivas da auga. O primeiro deles leva por título Modelos de captación da prehistoria ao medievo e estivo coordinado por Susana Reboreda, Silvia González, Iria Souto e Jessica Silvares. Este primeiro volume da serie, indican as súas responsables, realiza un percorrido ao longo de 13 capítulos polos sistemas de captación e distribución da auga en distintas épocas, a través de territorios diversos, aínda que principalmente referidos á península ibérica. As achegas que conforman a publicación, indican, “supoñen unha mostra significativa de diferentes solucións adoptadas en distintas épocas e contextos para obter un recurso tan fundamental como a auga, fonte de vida e de riqueza”. Os textos achegados por diferentes autores e autoras abranguen desde exemplos de estruturas de captación de auga na prehistoria recente na meseta norte ata as fontes abovedadas na conca media do río Miño.  

O segundo volume leva por título Arquitectura da auga e territorio na época moderna e foi coordinado por Yolanda Barriocanal, que participou tamén na presentación deste venres, e Ángel López. Nesta obra, comentan os seus responsables, perséguese “analizar algúns dos múltiples aspectos da auga e dos recursos hídricos na Idade Moderna”, como os destinados ao abastecemento humano. Así, indican, na publicación analízase, cun enfoque multidisciplinar a cargo de diferentes especialistas, a incidencia e importancia da auga nos distintos territorios peninsulares durante o Antigo Réxime, abarcando desde o abastecemento de auga e eliminación de residuos nas vilas vascas durante o tránsito do medievo á modernidade ata a resignificación da arquitectura hidráulica na horta alacantina.

Investigación, xestión e valores da auga no mundo actual é o título do terceiro volume, coordinado por Miguel Ángel Álvarez e Elena de Uña e no que diversos especialistas analizan a relación entre “a auga e as comunidades humanas no mundo actual desde perspectivas científicas, políticas, sociais e culturais”. A diversidade de achegas van desde a aplicación de índices para a valorización da hidromorfoloxía fluvial en concas guipuscoanas ata a sensibilización de alumnado de Educación Primaria ante o uso da auga.

Por último, e baixo a denominación Arqueoloxía das paisaxes fluviais preséntase o volume Ocupación, comunicación e explotación, coordinado por Adolfo Fernández, Fermín E. Pérez e Patricia Valle. Esta obra amosa “dese a arqueoloxía e desde a historia, a diversidade de usos da auga desde o neolítico ata o século XIX”, incluíndo unha diversidade de textos que abranguen desde o aproveitamento dunha paisaxe fluvial desde o neolítico, como é o caso de Prado Laguna, en Atapuerca, ata a ocupación do territorio e o termalismo arredor do río Mesa ata finais do século XIX.