DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro da programación de actividades da Cátedra Almirante Álvarez Ossorio

As catro revolucións científicas relacionadas coa orixe da natureza, eixes centrais dunha conferencia do catedrático Federico Vilas

Terá lugar este xoves, 3 de abril, no Auditorio de Caixanova

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Ana Terceiro DUVI 02/04/2008

Enmarcada dentro da programación de actividades da Cátedra Almirante Álvarez Ossorio que a Universidade mantén conxuntamente coa Escola Naval Militar de Marín, este xoves terá lugar unha conferencia da man do profesor da Facultade de Ciencias do Mar e responsable da Área de Estratigrafía, Federico Vilas.
Baixo o título As catro revolucións científicas relacionadas coa nosa orixe, o catedrático falará sobre catro casos científicos directamente relacionados coas ciencias da terra e célebres pola controversia que desataron no seu tempo e que forman parte do reducido grupo de destacadas pezas mestras da historia intelectual. A revolución dos astrónomos, a revolución dos biólogos, a dos xeólogos e, actualmente, a dos planetólogos son os eixes cos que Vilas analizará os inicios da natureza e a influencia do universo que nos rodea.
O escenario que acollerá esta iniciativa é o auditorio do Centro Social Caixanova onde, a partir das oito da tarde e logo de escoitar a ponencia, os asistentes poderán establecer un coloquio co conferenciante.

Un amplo currículo

Licenciado en Ciencias Xeolóxicas e Doutor en Xeoloxía pola Universidade Complutense de Madrid en 1973, Federico Vilas Martín é membro da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais ademais de ser xestor do Plan Nacional de I+D no Programa de Biodiversidade, Ciencias da Terra e Cambio Climático. Ao mesmo tempo foi secretario da comisión de Coordinación Científica de I+D, Acción Especial contra Vertidos Mariños Accidentais e como vocal do Comité Español do Programa Internacional de Correlación Xeolóxica da UNESCO. Na actualidade tamén é membro do comité español do programa ECORD-IODP, do Grupo Español de Sedimentoloxía, da Sociedade Española de Cuaternario, da Sociedade Xeolóxica de España, da Real Sociedade Española de Historia Natural e da International Association of Sedimentologists, entre outros.