DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A programación de andainas da UVigo iniciarase o 22 de outubro

Catro rutas culturais para aprender camiñando

Están abertas á comunidade universitaria e á cidadanía

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 06/10/2022

Un curso académico máis regresa a programación de rutas culturais da Universidade de Vigo. Neste primeiro cuadrimestre, serán catro as andainas que se realizarán e que se achegarán a lugares tan diversos como Ponte da Lima e Viana do Castelo (en Portugal) e Larouco, Pereiro de Aguiar, Aldán e Bueu (en Galicia). Os roteiros, que mesturan actividade física e cultura, están abertos á inscrición das persoas interesadas, sexan ou non membros da comunidade universitaria.

A programación, organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da UVigo, foi presentada este xoves no campus de Ourense por Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense; Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria; José García-Calvo Willy, coordinador das rutas culturais desde o campus de Ourense, e Antonio Vázquez, técnico de Xeitura. Estas  andainas, lembrou Elena Rivo, “levan máis de catro lustros achegándonos  á nosa historia, á natureza, á arte, ás tradicións, á gastronomía...” e contribuíndo a “fortalecer a conciencia do respecto pola contorna e a diversidade”. Destacando o “rotundo éxito” desta actividade ano tras ano, Susana Reboreda recalcou que os roteiros universitarios naceron no campus de Ourense pero estendéronse aos tres campus da UVigo. Concretamente, José García-Calvo apuntou que naceron hai 22 e que foron medrando en número de rutas celebradas cada curso académico (arredor de 11 en cada edición) e no seu radio de acción, primeiro coñecendo a provincia de Ourense, logo o conxunto de Galicia e nos últimos anos achegándose tamén a Portugal.

Propostas

A programación das rutas deste cuadrimestre foi presentada por Antonio Vázquez, que subliñou que este ano, atendendo aos resultados das enquisas que se fan en cada edición entre as e os participantes, apóstase por unha maioría de andainas de baixa dificultade co obxectivo de que participe o maior número de persoas posible. A actividade  arrancará o 22 de outubro coa Ruta Foz do Lima, Cabedelo e Ribeira de Anha (Viana do Castelo, Portugal). Cunha dificultade baixa e 17 quilómetros de distancia, será un percorrido “ao pé da praia de Cabedelo, unha das favoritas para xentes do norte de Portugal e o sur de Galicia para a práctica de deportes náuticos”. Trátase, indican desde a organización, dunha etapa entre a desembocadura do río Limia e o monumento natural local da Ribeira de Anha, “de elevado interese xeomorfolóxico”. A segunda das andainas deste curso académico será a Ruta Romana do Viño (Larouco, Ourense) o día 5 de novembro. Con 18 quilómetros de percorrido e dificultade media, preséntase como unha andaina “para saborear as tinguiduras mediterráneas das paisaxes de Larouco” pois, sinalan os responsables da actividade, “os antigos romanos xa souberon sacar desta terra o gran viño que aínda hoxe caracteriza o lugar, coas tradicionais covas escavadas no subsolo”. A andaina inclúe unha cata de viños.

O 26 de novembro terá lugar a Ruta Cabo Udra (Bueu, Pontevedra), de dificultade tamén baixa e 18 quilómetros de percorrido. Trátase, explican desde a organización, dun roteiro “na ría de Aldán para descubrir un dos litorais máis fermosos de Galicia ata unha paisaxe recoñecida como lugar de interese comunitaria polos seus magníficos valores naturais”. Por último, o 17 de decembro celebrarase a cuarta andaina cultural deste cuadrimestre, que leva por nome Sicenata Pacata. Ruta do Castelo de Parada (Pereiro de Aguiar, Ourense). De dificultade media e 19 quilómetros, neste roteiro na entrada da Ribeira Sacra do Miño, “camiño polo que discorreron persoas e mercadorías dende hai miles de anos”, indican desde a súa organización, “cada pedra agocha unha mensaxe aínda sen descifrar”. A actividade inclúe iniciación á micoloxía e un magosto festivo ao rematar.

Inscrición

A información de cada ruta e a inscrición realizarase a través do Campus Activo da UVigo. Os prezos oscilan en función do colectivo de pertenza de cada persoa, habendo ademais a posibilidade de bonos. Para cada andaina haberá autobuses que trasladen ás e aos participantes dende cada un dos tres campus da Universidade de Vigo (Vigo, Pontevedra e Ourense) ao inicio do percorrido e de regreso. Todos os itinerarios para GPS poderán descargarse, xunto coas fotografías de cada ruta e toda a información complementaria, no blog destes roteiros universitarios.