DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle un ciclo de cine dedicado a este autor

Catro xoves para coñecer a obra e figura de Edgar Neville

A iniciativa é froito da colaboración co Ourense Film Festival (OUFF)

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 13/05/2026

Este mes de maio o campus de Ourense acolle a celebración dun ciclo dedicado a Edgar Neville, "unha das figuras máis singulares e poliédricas do cinema español". A iniciativa, froito da colaboración da Vicerreitoría do campus e o Ourense Film Festival (OUFF), está composta por catro proxeccións, unha cada xoves de mes, de obras cinematográficas deste autor, cuxa produción abrangue dende o fantástico ata a comedia costumista.

Edgar Neville (Madrid, 1899-1967), indican desde a organización da actividade, é “unha das figuras máis singulares e poliédricas do cinema español”. Diplomático, escritor, dramaturgo, pintor e director, “destacou polo seu humor elegante e a súa mirada irónica sobre a sociedade da época”, o que o converteu nun “autor de referencia e nun pioneiro na consolidación dunha linguaxe cinematográfica propia en España”. Con este ciclo, o OUFF e a Universidade de Vigo queren ofrecer “ao público ourensán a posibilidade de achegarse á obra dun creador único, cuxo legado continúa a influír nos cineastas actuais”.

De La torre de los siete jorobados a Mi calle

As proxeccións, abertas ao público interesado e de balde, teñen lugar cada xoves no salón de graos Vicente Risco, no cuarto andar do Edificio de Ferro, ás 20.00 h. Nelas pode verse “unha selección de catro filmes fundamentais na traxectoria do director”. A programación arrancou o pasado xoves 7 co visionado de La torre de los siete jorobados, “un clásico do fantástico español, adaptación da novela de Emilio Carrere, que combina misterio, humor e unha atmosfera única”. Este xoves, día 14, será a quenda de Nada, “versión cinematográfica da novela de Carmen Laforet, gañadora do Premio Nadal, e unha das obras máis recoñecidas de Neville pola súa sensibilidade e precisión narrativa”.

O día 21 proxectarase El último caballo, considerada segundo a organización do ciclo, “unha das primeiras películas ecoloxistas do cinema español, que aborda con humor e melancolía o choque entre tradición e modernidade”. Por último, poderá verse no campus o día 28 Mi calle, “un retrato coral e nostálxico da vida madrileña, onde Neville combina memoria, crítica social e un profundo humanismo”.