DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras case un ano de Miguel Ángel Crespo como decano en funcións

CC Económicas e Empresariais celebrará eleccións a decanato o martes 25 con Dolores Garza como única candidata

Encabeza unha candidatura integrada unicamente por mulleres

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
DUVI 18/10/2022

Tras case un ano como decano en funcións do profesor Miguel Ángel Crespo, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais celebrará o vindeiro martes, 25 de outubro, eleccións a decanato. Farao cunha única candidatura liderada pola catedrática de Economía Aplicada Mª Dolores Garza Gil, directora do grupo de investigación Erenea, Economía dos Recursos Naturais e Ambientais. Trátase dunha candidatura cen por cen feminina na que, xunto a Garza Gil, completan o seu equipo Ana de Prado, como secretaria; Eva Diz Comesaña, como vicedecana de Organización Académica; Mª Xosé Vázquez Rodríguez, como vicedecana de Calidade; Mª Carmen Otero Neira, como vicedecana de Relacións Internacionais, e Lucy Amigo Dobaño, como vicedecana de Relacións Institucionais.

Este martes tivo lugar a proclamación definitiva de persoas candidatas e mañá mércores arrancará unha breve campaña electoral que se prolongará ata o venres 21, quedando fixada a Xunta de Facultade Extraordinaria para a elección de decano/a para o martes 25. De saír elixida esta candidatura, Garza substituiría no cargo ao profesor Miguel Ángel Crespo, catedrático máis antigo da facultade, quen foi nomeado decano en funcións polo reitor Manuel Reigosa o 5 de novembro do pasado ano despois de que o ata entón decano, Jorge Falagán, non acadase os apoios necesarios para revalidar o cargo e declinase continuar como decano en funcións ata a celebración dun novo proceso electoral.