DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Representantes de Amencer-Aspace e da asociación Juan XXIII mantiveron un coloquio co alumnado

CCSS e da Comunicación convida ao alumnado a mirar nos seus traballos cara iniciativas sociais

O obxectivo era establecer contactos para futuras iniciativas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Igualdade
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 18/10/2018

Achegar ao alumnado ao labor que desenvolven en Pontevedra diferentes colectivos e, ao mesmo tempo, convidalos e convidalas a que pensen nestas iniciativas sociais como posible temática para os seus traballos académicos eran os dous obxectivos do coloquio que este xoves achegou á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a representantes das asociacións Amencer-Aspace e Juan XXIII. “Trátase dunha experiencia piloto, na que a idea é que algúns traballos de fin de grao poidan vincularse a iniciativas sociais”, sinala o profesor Oswaldo García dunha actividade que buscaba achegar ao alumnado o labor que estes dous colectivos realizan con persoas con parálise cerebral e discapacidade intelectual, para que así “algúns estudantes que poden ter claro o formato do seu traballo pero non o tema, poidan facelo sobre iniciativas sociais”.

Unha primeira toma de contacto

Este encontro buscaba servir como punto de partida para que o alumnado entrase en contacto con Amencer-Aspace e Juan XXIII e “establecer unha relación horizontal” pola que as dúas entidades obterían a colaboración das e os estudantes interesados e estes “puidesen desenvolver os seus proxectos e vivir á súa vez unha experiencia profesional e persoal”, sinala García. Nese senso, o propósito deste coloquio aberto a alumnado dos tres graos que se imparten nesta facultade era tanto “visibilizar entre o alumnado as iniciativas sociais da cidade na que viven”, como servir como un primeiro contacto para futuras iniciativas, “sexan traballos de fin de grao ou proxectos persoais”.

Con ese obxectivo o coloquio tivo como eixo “darlles a coñecer un pouco como traballamos, cales son as nosas liñas de intervención, programas e servizos”, como sinala Cayetana Cobián, da asociación Juan XXIII, entidade que centra o seu labor no traballo con persoas con discapacidade intelectual de 14 concellos e que conta cun centro educativo, dous centros ocupacionais e dous centros de día, así como cun programa de axuda ao emprego. Nesa mesma liña, David López encargouse de informar aos e ás participantes dos recursos e ámbitos de traballo de Amencer-Aspace, asociación que traballa coas persoas con parálise cerebral, ás que presta servizos de atención temperá e educativos, á vez que conta cun centro de día e un programa de asistencia domiciliaria.

“A nós gustaríanos a colaboración do alumnado para poder facer un pequeno traballo de vídeo, curtas onde se poida amosar un pouco que é a parálise cerebral e fomentar a integración”, engadía neste mesmo senso Sergio González, usuario do centro de día desta asociación, quen relatou ao alumnado o seu interese polo audiovisual ou pola poesía nun coloquio no que a representación de Amencer-Aspace completouse coa presenza de Abril, a cadela coa que desenvolven diferentes iniciativas de carácter formativo e de terapia ocupacional neste centro. “No caso do grao en Comunicación Audiovisual, poderíamos falar de facer pequenas pílulas de boas prácticas que axuden a ver que facemos e como o facemos”, engadía López como proposta a unha serie de colaboracións abertas a todo tipo de iniciativas. Nese mesmo senso, Cobián apuntaba tamén á importancia da colaboración e do voluntariado á hora de dar a coñecer “que detrás dun colectivo hai persoas, xa que así é como se consegue a inclusión”, mentres que González explicaba nesta mesma liña ao alumnado o funcionamento do proxecto Autogestores de Amencer, “un programa que levamos os propios usuarios, que decidimos por nós mesmos sobre aquelas cuestións que afectan á nosa vida”.