DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantes das tres universidades galegas participaron nun encontro promovido polo clúster CLAG

CCSS e da Comunicación exhibe talento diante da industria audiovisual galega

Dous dos cinco traballos mellor valorados polas empresas corresponden a alumnado desta facultade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cine
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 17/12/2018

Pór en valor o novo talento audiovisual e conectalo co tecido audiovisual galego é o obxectivo do Pitching TFG, que o Clúster Audiovisual Galego (CLAG) organizou coa colaboración das tres universidades galegas e que levou a un grupo de titulados e tituladas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a presentar os  proxectos que constituían os seus traballos de fin de grao diante de representantes de diferentes empresas do sector. O encontro, celebrado o pasado venres en Santiago, completouse, segundo informou o clúster nunha nota de prensa, cun speed dating entre o alumnado e os representantes empresariais e dando a coñecer, de entre os 16 proxectos presentados por titulados e tituladas das tres universidades, os cinco “mellor valorados polas empresas, ao consideralos como os que terían unha maior viabilidade no mercado”, entre os que figuraban dous dos ideados polo alumnado do campus pontevedrés, Retais-Que a parca me pille por sorpresa, a proposta de serie televisiva ideada por Javier Lago, e O xogo do Trivial, proxecto de concurso desenvolvido por Lorena Rodríguez.

Xunto a estes dous proxectos, a representación de Ciencias Sociais e da Comunicación neste encontro completouse coa presentación de A casa de Osoburgo: preparación narrativa e visual dun proxecto de animación, de Raquel Besteiro; Brotes, unha curtametraxe de Jorge Fernández, Laura Domínguez, Sara Bugallo e Laura María Pena; Holotur. Memoria de Deseño e Desenvolvemento pre-alpha dun videoxogo, realizado por Iago Sequeiros, Diego Oya e Brais Bello, e o documental Cuando mamá cerró las cajas, de Arancha Álvarez. Todos eles, traballos de fin de grao desenvolvidos o pasado curso e que constituían unha mostra dos diferentes ámbitos de traballo do grao en Comunicación Audiovisual, como explica Fortunato Rodríguez, coordinador desta titulación e que xunto á vicedecana Diana Ramahí acompañou a este grupo de egresados e egresadas a unha xornada “que permite dar a coñecer o traballo que se fai na facultade”, á vez aos novos titulados e tituladas amosar o seu talento diante de profesionais do sector.

Oito minutos para presentar os proxectos

Na segunda edición deste pitching promovido polo CLAG coa colaboración do Igape e que se desenvolveu no Centro Abanca Obra Social de Compostela, os e as participantes contaron con oito minutos para dar a coñecer os seus proxectos a unha audiencia conformada “por representantes dalgunhas das empresas máis destacadas dos sectores audiovisual e TIC galegos”, como Adiviña Producións, Agallas Films, Congo Producciones, CTV, Ficción Producciones, Filmax, Imaxin Software, Productora Faro, R e Zenit Televisión, apunta o CLAG.

Ademais, a segunda edición deste foro, que abriu o presidente do CLAG, Jorge Algora, incluíu un speed dating no que os representantes dos traballos dispuxeron dun espazo de tempo para falar con cada unha das empresas participantes, así como coa colaboración da compañía R a través do seu programa de startups R DiCo Challengue. Xunto cos proxectos de Lago e Rodríguez, os e as asistentes tamén destacaron como traballos máis valorados Desenvolvemento da estratexia transmedia de Fariña, das tituladas da USC Alicia Ouro, Bea Castro, Begoña Pérez e Nuria Salgado; Mimomú, da egresada da UDC Nereida Rodríguez; e Á túa saúde, o prezo márcao a industria, da tamén titulada pola Universidade da Coruña Irene Mariño.