DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A facultade celebrará o seu cuarto de século cunha serie de actividades no mes de outubro

CCSS e da Comunicación proxectarase a través dos seus egresados e egresadas no seu 25 aniversario

Coa conmemoración busca dar visibilidade ás súas titulacións entre o tecido empresarial

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Universidade e empresa
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 05/07/2019

Os e as profesionais que ao longo dos anos se formaron nas aulas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación serán os principais protagonistas das actividades que este centro desenvolverá no mes de outubro co propósito de conmemorar os seus 25 anos de historia. Entre os días 7 e 11, celebraranse unha serie de conferencias, mesas de debate ou exposicións coas que a facultade buscará “manter e fortalecer os vínculos cos nosos egresados e egresadas”, á vez que proxectar á sociedade que das súas aulas saíron profesionais “que hoxe ocupan postos moi destacados en importantes empresas”, como explicou o seu decano, Xosé Baamonde.

Proxectarse na sociedade e no tecido empresarial

A sede da Vicerreitoría do campus acolleu este venres a presentación dun primeiro adianto da programación deste 25 aniversario, xunto co logotipo da conmemoración, deseñado polo profesor do centro Jorge Lens. “É unha celebración na que nos imos implicar absolutamente, porque consideramos que pór en valor esta facultade é pór en valor á Universidade de Vigo”, salientou neste acto o vicerreitor do campus, Jorge Soto. Ademais de reivindicar a importancia da facultade para un campus “recoñecido internacionalmente” a través do programa Green Campus, Soto subliñou que os tres graos que imparte (Publicidade e Relacións Públicas, Dirección e Xestión Pública e Comunicación Audiovisual) son “titulacións recoñecidas pola súa gran calidade”, como demostran “os numerosos profesionais formados alí e que hoxe están a traballar por todo o país”. 

Nesa mesma liña, Baamonde sinalou que un dos obxectivos da conmemoración é “dar protagonismo” aos titulados e tituladas e contribuír “a que se coñeza e recoñeza que hai moito talento que saíu da nosa facultade”. Por outra banda, buscarase tamén proxectar, tanto na sociedade como “no tecido empresarial e produtivo do noso país”, a importancia da comunicación como “un piar esencial” dunha empresa ou organización. “Formamos profesionais da comunicación e da xestión, xente que resolve problemas e é necesario pór iso en valor”, engadiu Baamonde. Labores como a xestión das redes sociais e da comunicación interna ou a organización de eventos foron nese senso sinalados por Baamonde como exemplos da importancia que ten para o sector empresarial “contar con profesionais da comunicación que xestionen a súa imaxe e reputación”.  

Unha semana de actividades

A “semana grande” da conmemoración dos 25 anos de historia dun centro que iniciou a súa andaina en 1994, nas instalacións do antigo fogar provincial da rúa Sierra, desenvolverase entre o 7 e o 11 de outubro. Abrirase, explicou Pérez, cun acto de recoñecemento aos seus diferentes decanos e decana, completada cunha “lección maxistral dun catedrático de prestixio”. Tamén están previstas “conferencias de xente de renome nos ámbitos da publicidade e da comunicación audiovisual”, xunto coa organización de diferentes “coloquios sectoriais” nos que profesionais formados no centro “conten un pouco o seu percorrido, os seus éxitos e os seus problemas”, engadiu o vidececano. O programa de actividades incluirá ademais unha mesa redonda “con representantes dos principais medios de galegos” e un coloquio que reúna a representantes do sector empresarial.

A conmemoración abranguerá tamén a organización dunha mostra de traballos realizados polo alumnado ao longo dos anos, como fotografías, carteis ou proxectos de deseño gráfico, xunto cunha “pequena exposición de materiais e equipos antigos de cine, vídeo e televisión”. Así mesmo, proxectaranse na facultade ao longo da semana “moitos dos traballos realizados polo alumnado ao longo destes anos”, buscando contribuír, engadiu Pérez, á dar visibilidade ao espazo de A Canteira, a web impulsada polo centro co propósito de que alumnos e ex-alumnos poidan dar a coñecer os seus proxectos e traballos. 

“A nosa intención é xuntar durante toda esa semana na facultade ao maior número posible de egresados e egresadas, que hoxe están espallados polo mundo”, concluíu Pérez, que explicou que esta conmemoración pecharase cunha “gran quedada” na que tratarán de reunir o maior número posible de antigos alumnos e alumnas. 

Un aniversario que se estenderá ao longo do vindeiro curso

Máis aló desta semana, Baamonde salientou tamén o obxectivo de que os diferentes eventos e actividades que se leven a cabo ao longo do vindeiro curso se engloben tamén baixo “este paraugas do 25 aniversario” Nese senso, adiantou que Ciencias Sociais e da Comunicación estará presente en setembro no Pont-Up Store, o encontro do empredemento que a Universidade promove en setembro en Pontevedra e no que o centro contará cun espazo dirixido á dar visibilidade a A Canteira.