DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os nenos e nenas da Escola Infantil participaron nun percorrido pola facultade

CCSS e da Comunicación recibe ao alumnado máis novo do campus

Ata o 5 de abril permanece aberto o prazo de inscrición nesta escola para o vindeiro curso

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Visitas
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 29/03/2019

Co propósito de coñecer mellor os centros que se atopan ao seu redor, o alumnado da Escola Infantil do campus repetiu visita un ano máis á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, onde acompañados por un bolseiro do centro, visitaron á sala de xuntas, o plató de televisión e o estudio de radio, antes de facer parada tamén na biblioteca e repor folgos na cafetaría do centro. Nesta visita participaron este venres os e as integrantes da aula 2-3 da escola, dando continuidade ao percorrido pola facultade que o mércores realizou un grupo de nenos e nenas da aula 1-2.

Inscrición aberta ata o 5 de abril

No marco da convocatoria aberta polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, o prazo de preinscrición na Escola Infantil do campus para o vindeiro curso, 2019/2020 permanece aberto ata o vindeiro venres 5 de abril. As persoas interesadas, explica a súa directora, Ángeles Rodríguez, teñen a súa disposición a documentación e formularios de inscrición na web do consorcio, podendo tamén recollelos directamente no propio centro. A Escola Infantil do campus contará o vindeiro curso con 58 prazas, sete na súa aula de nenos e nenas de entre 0 e 1 anos, 12 na de 1 a 2 anos, e 39 nas dúas aulas de nenos e nenas de entre 2 e 3 anos. Delas, as sete prazas da aula 0-1, cinco na de 1-2 e 13 na de 2-3 estarían destinadas aos nenos e nenas que se incorporen por primeira vez o vindeiro curso a un centro no que unha porcentaxe da prazas resérvanse a integrantes da comunidade universitaria, tanto profesorado e persoal de administración e servizos como alumnado. “No caso de non cubrirse estas pasarían á cota xeral en setembro”, explica Rodríguez.