DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os días 1 e 2 de outubro a través de Campus Remoto 

CCXX e do Traballo organiza unha xornada para afondar nos dereitos de conciliación da vida laboral e familiar tras a reforma de 2019

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI 29/09/2020

Co obxectivo de analizar as novas regulacións da conciliación da vida laboral e familiar, dende unha perspectiva laboral e de Seguridade Social, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo acollerá os días 1 e 2 de outubro a xornada en liña Verdadeira corresponsabilidade? Os dereitos de conciliación da vida laboral e familiar despois da reforma de 2019. Nas sesións, que se celebrarán a través do Campus Remoto da UVigo, as poñentes analizarán se a nova normativa veu mellorar os aspectos máis problemáticos arredor da conciliación, abordando, por unha banda, a discriminación no acceso o emprego e nas condicións de traballo, tanto dende unha perspectiva de dereito individual coma colectivo, e por outra, estudando as diferentes prestacións de Seguridade Social e de protección social. Así mesmo, nas sesións, dirixidas polas docentes e investigadoras da UVigo Enma Rodríguez e Nora Martínez, achegarase ás persoas participantes unha perspectiva máis próxima sobre os problemas de conciliación no ámbito das relacións laborais en Galicia.

Dirixidas a alumnado dos graos en Dereito e en Relacións Laborais e Recursos Humanos e do Mestrado en Xestión e Dirección laboral, así como a calquera profesional ou persoa interesada nos dereitos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, esta xornada de formación comezará o vindeiro xoves cunha mesa redonda titulada Perspectiva xeral sobre os obstáculos á igualdade de oportunidades no emprego, na que as docentes Mercedes López da Universitat de Valencia e Yolanda Maneiro da Universidade de Santiago, falarán sobre fendas retributivas: discriminacións directas e indirectas e sobre a nova regulación dos plans de igualdade, respectivamente. 

Corresponsabilidade e igualdade no tempo e lugar de traballo

No segundo día das xornadas a catedrática da Universidad Autónoma de Madrid Ana de la Puebla ofrecerá unha intervención sobre traballo e xénero e a docente da Universidad Pública de Navarra Beatriz Sáenz de Galdeano centrará a súa intervención nos tempos de vida e os tempos de traballo desde unha perspectiva xudicial. Esta sesión, que se desenvolverá baixo o título Corresponsabilidade e igualdade no tempo e lugar de traballo, rematará cunha mesa redonda centrada nas reivindicacións e necesidades da muller nas relacións laborais galegas, na que participarán a secretaria da Unión Comarcal de Vigo-CCOO, Amelia Pérez; a secretaria de Igualdade, Xuventude e Movementos sociais de UGT- Galicia, Mónica Rodríguez; a secretaria comarcal de Vigo, sector de banca da CIG, Iria Salvande e a presidenta da Asociación Galega de Auditoría Sociolaboral de Xénero, María Ángeles García.

Para participar na xornada cómpre enviar un correo electrónico antes do 30 de setembro aos correos emmarodriguez@uvigo.es ou nora@uvigo.es.