DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola Vicerreitoría do campus

Celanova acolle este domingo o concerto de coros ‘O canto da serea e a mirada meiga dos ollos’

Participarán as agrupacións Cuco, Cuquiños e Coral Solpor

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Ourense 08/05/2025

O mosteiro de San Salvador de Celanova acolle este domingo 11 de maio, ás 19.00 h, o concerto O canto da serea e a mirada meiga dos ollos. Organizada pola Vicerreitoría do campus de Ourense, a cita contará coas actuacións dos coros deste campus, tanto o de adultos como de rapazada, e da Coral Solpor de Celanova. Colaboran na actividade a Fundación Curros Enríquez, o Concello de Celanova e a Deputación de Ourense e a entrada é de balde ata esgotamento de prazas. 

Acompañados por Noel de Dios (percusión); Inés Couto (frauta) e Juan Pablo Gil (saxo alto), as tres agrupacións ofrecerán un repertorio individual para logo confluír en varias pezas conxuntas. A iniciativa enmárcase no compromiso do campus de Ourense de achegar a súa actividade, neste caso a cultural, a localidades fóra da cidade, e tamén no traballo que fai o coro do campus de divulgación da música coral tecendo redes con entidades da contorna.

O concerto arrancará coa actuación da Coral Solpor, dirixida por María Amelia Alonso e con María José Mosquera ao piano, que interpretará Os teus ollos, Resoa no Carballiño e María si vas. Seguiralle o Coro Universitario do Campus de Ourense (Cuco), dirixido por Ruth González  e que terá como directores convidados a Mateo Iglesias e Miguel G. Sáez. Acompañados de Alejandro Fírvida ao piano, e seguindo a súa liña habitual de traballo, a agrupación ofrecerá un repertorio no que se mesturan pezas de moi diferentes épocas e estilos. Así, o público asistente poderá escoitar Jubilate Deo. Letra: Salmo 100; Dindirindin, do Cancioneiro de Palacio; Dadme albricias, do Cancioneiro de Uppsala, e Gaudete, peza anónima do século XVI, pero tamén My love is always here; Dirait-on e Mamma mia! As dúas formación corais interpretarán xuntos Lux Aeterna e Terra Maina.

Dando xa paso á rapazada, Cuquiños, baixo a dirección de Víctor Vicente Fernández, interpretará primeiro as pezas Miles de estrelas e Cando pecho os ollos para logo unirse ao coro de adultos do campus e ofrecer xuntos as pezas O mundo que nos rodea e Adiemus, que pecharán o concerto.