DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco da edición deste ano do Curso de Medios Audiovisuais

Celanova acolle a gravación da curtametraxe 'Luz de contra'

Trátase dunha produción de alumnado de Ciencias Sociais e da Comunicación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Estudantes
DUVI Ourense 22/06/2018

“Fai tempo que Carlos, un home de 57 anos, perde a súa muller e non será ata que coñece a Helena, unha rapaza nova que acaba de chegar ao barrio, cando dá o paso para saír da súa rutina grazas á liberdade dela. Ambos solitarios axúdanse a solucionar os seus conflitos internos, vendo dende outra perspectiva”. Con este guión preséntase a curtametraxe Luz de contra, que esta semana grava en Celanova alumnado de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo.

Como xa vén sendo tradición, no marco do Curso de Medios Audiovisuais que cada ano se celebra en Celanova dentro da programación de cursos de extensión universitaria organizada desde o campus de Ourense, celébrase un Taller Audiovisual chamado Celanova, plató de ficción. Nel, alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra, baixo a dirección do profesor Paulino Pérez, grava unha produción audiovisual que logo se estrea durante a celebración do curso, que ten lugar do 3 ao 6 de xullo. O taller, sinalan os seus responsables, “posibilita a produción dunha obra audiovisual nun período de tempo determinado e cun orzamento pechado”, contando co apoio, ademais da Universidade de Vigo, da Fundación Carlos Casares e a colaboración de Agadic, Deputación de Ourense, Concello de Celanova e GMProvideo.

Con actores e actrices xa profesionais

A gravación, na que participa arredor dunha vintena de persoas, arrancou o martes 19 e prolongarase ata o sábado 23 de xuño. “Este ano realizaremos unha curtametraxe de ficción que se vai a rodar integramente en Celanova. Volvemos a un formato de curtametraxe onde neste caso traballamos máis coa dirección de actores”, explica Paulino Pérez. Así, como novidade este ano, a gravación conta con tres actores e actrices que teñen xa unha recoñecida traxectoria profesional, como son Cris Iglesias, que traballou en series como Fariña e Serramoura; Xavier Estévez, que conta cunha ampla traxectoria en teatro e series galegas e estatais, como La verdad, El príncipe, Serramoura ou El final del Camino, e Alicia Armenteros, con presencia en Vis a vis ou Fontealba

Despois duns días de traballo en Celanova, as e os participantes destacan o bo desenvolvemento da actividade. “A gravación está sendo unha experiencia moi enriquecedora. É un xeito novo e diferente de traballar para min, con outro ritmo e outras rutinas, pero está moi próximo ao traballo profesional. O equipo faino realmente ben e o enriquecemento é mutuo”, destaca Xavier Estévez, Carlos na curtametraxe. A estas boas impresións únense as de Cris Iglesias, que interpreta a Helena. Ela destaca do equipo de Ciencias Sociais e da Comunicación como “o está a facer moi ben”. “Ata non hai moitos anos eu estaba no seu lugar e síntome moi identificada con eles”, recalca a actriz, que fai fincapé no “moi dispostos que están todos os membros do equipo para sacar adiante esta curtametraxe”.  

Peza inspirada nunha obra de Carlos Casares

Baixo o xénero de drama, a produción está dirixida por Ana Campos, que é tamén a guionista. Cunha duración aproximada de 12 minutos, a curtametraxe, detallan desde a organización, está inspirada no último libro do escritor Carlos Casares chamado O sol do verán, publicado trala morte do escritor no ano 2002, e nela tócanse elementos dramáticos como a soidade ou os prexuízos sociais. “Este activista da cultura galega deixa nas nosas mans unha historia de nostalxia e sentimentalismo baseada nas relacións persoais, familiares e amorosas”, explican. Non se trata, puntualizan, dunha adaptación literal da obra senón que o alumnado trata de levar a súa esencia “de maneira estética na imaxe, na dirección de arte e nalgunha ocasión na dirección de actores para a recreación de escenas que se atopan nas páxinas do libro, ademais de atribuír certas referencias do autor á historia”. 

Desde a organización poñen por último o aceno en destacar como nesta edición séguese apostando pola participación de mulleres neste taller, ocupando non só postos de dirección e responsabilidade en diferentes seccións senón tamén postos de carácter técnico, “que é onde acostuman ter menos posibilidades de participar, como é en cámara, son ou dirección de foto”.