DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado de Comunicación Audiovisual grava unha curtametraxe na localidade ourensá

Celanova, cámara e acción!

No marco da actividade da XVIII edición do curso CeMAC

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Estudantes
DUVI Ourense 26/10/2022

Como xa é tradición cada curso académico, alumnado do Grao en Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo está esta semana no Concello de Celanova (Ourense) gravando unha curtametraxe propia. Para facelo, as e os estudantes contan cun orzamento e varias xornadas de rodaxe que lles permiten pór en valor os coñecementos aprendidos nas aulas e aumentar e visibilizar o seu curriculum.

A iniciativa forma parte da programación do XVIII Curso de Medios Audiovisuais (Cemac 2022) celebrado a finais de xuño e principios de xullo en Celanova no marco dos cursos de extensión universitaria do campus de Ourense, en colaboración coa Fundación Carlos Casares e co apoio da Deputación de Ourense, Agadic e o Concello de Celanova. En cada edición do Cemac, desde o ano 2010, lévase a cabo o Taller audiovisual Celanova, plató de ficción, baixo a dirección do profesor da UVigo Paulino Pérez. Nel alumnado de Comunicación Audiovisual da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra grava e produce unha peza audiovisual de ficción, neste caso unha curtametraxe.

O equipo técnico que está a gravar a curtametraxe, dirixida por Zahira Teijelo, está formado por 19 persoas. “Este ano, a temática xirará arredor dunha historia de amor LGTBI+ onde as protagonistas, Sonia e Rebeca, teñen moito que descubrir a unha da outra e, sobre todo, de si mesmas”, sinalan desde a organización. Polo que respecta ao equipo artístico, a produción conta coa participación das actrices galegas Raquel Meleiro e Antía Vidal, que dan vida ás protagonistas deste drama. “A rodaxe durará catro días e, aínda que as datas do estreo non están confirmadas, prevese que o público poderá gozar da peza antes de que remate o ano”, indica o alumnado participante. Con esta gravación culmina o traballo de pre-produción realizado polo equipo, que incluíu aspectos como a documentación, desenvolvemento do guión, planificación, localización, cásting e ensiaos cos actores e actrices.  

Traballos de calidade

O traballo que cada ano desenvolve o alumnado do Grao en Comunicación Audiovisual que participa neste taller destaca, segundo explican os seus responsables, pola súa calidade técnica e artística. Así, dende que naceu fai trece anos o taller, explican, a repercusión das súas pezas é cada vez maior. Como mostra dos bos resultados destas producións a webseries Fame foi nominada ao premio a mellor webserie galega nos Mestre Mateo 2015 da Academia Galega do Audiovisual e recoñecida coma mellor serie en galego no Festival Carballo Interplay de webseries; a tamén webserie feita no marco do CeMAC Interfecto, producida no 2014, foi nominada tamén nesa categoría, sendo premiada no Bilbao Webfest coa mención á mellor webserie non profesional, e a mediametraxe Vento ferido e a súa unidade didáctica de literatura galega realizada xunto coa Área de Normalización Lingüística da UVigo foi distribuída entre os institutos de educación secundaria de Galicia.