No acto institucional entregouse a cifra récord de 218 premios
Unha celebración do talento, o esforzo e o compromiso do alumnado da UVigo no San Tomé 2026
Reigosa asegurou que “neste día con tintes de despedida, hai que pensar cara ao futuro”
218 estudantes da UVigo recibiron este mércores o recoñecemento ao seu talento, esforzo e compromiso no acto de celebración de San Tomé, o patrón da universidade, que encheu o salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus vigués. Dos máis de 200 premios, a maior cifra da historia da UVigo, outorgados neste San Tomé, 19 correspóndense con premios extraordinarios de doutoramento (13 mulleres e seis homes); 53 con premios extraordinarios de grao (31 mozas e 22 mozos); 140 son premios á excelencia académica aos estudantes cos mellores expedientes de novo ingreso neste curso 2025/2026, 105 de grao e 35 de máster, e seis son Premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao, mestrado e teses.
No seu discurso á comunidade universitaria e á representación da sociedade que este mediodía se deu cita no campus vigués, o reitor, Manuel Reigosa, gabou a excelencia do alumnado premiado, ao tempo que lembrou todo o proceso de creación da UVigo e os logros acadados pola institución académica ao longo da súa historia. “Fixéronse as cousas ben. Como reitor síntome moi orgulloso polo que facemos con esforzo”, dixo Reigosa, no seu derradeiro discurso de San Tomé, no que tamén reivindicou o carácter público dunha institución que está a o servizo da sociedade.
Ademais dunha nutrida representación da comunidade universitaria nesta celebración do patrón da universidade, hoxe déronse cita no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias autoridades políticas como o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o director xeral de Xustiza, José Tronchoni; a vicepresidenta da Deputación de Ourense, Marta Novoa; o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente ou a concelleira do Concello de Vigo, Ana Mejías e militares, como o comandante director da Escola Naval Militar de Marín, Tomás Clavijo. O Coro Sénior do campus de Vigo foi o encargado de intepretar ademais do Gaudeamus Igitur, Cançao do mar de Federico de Brito e Ferrer Trinidade, harmonizado por Ramiro Lopes e Canticorum jubilo de G.F. Häendel.
Pensando cara o futuro sen nostalxia
O reitor, Manuel Reigosa, iniciou a súa intervención nun evento “de celebración do talento, o esforzo e o compromiso”, dixo, retrotraéndose aos inicios da UVigo tras a súa segregación da USC, un proceso que definiu como “un soño compartido”. Reigosa, que asegurou que “neste día con tintes de despedida, hai que pensar cara ao futuro e non con nostalxia”, repasou a continuación os que considera piares sobre os que sustenta a institución académica, "que vemos como unha minería de talento", asegurou, comezando pola proximidade e a preocupación pola empregabilidade dos seus egresados e o seu papel social.
Tras destacar o carácter “agarimoso” da institución, o reitor referiuse á positiva evolución experimentada pola matrícula de grao nos últimos cursos, ata acadar no 2025/2026 unha taxa de ocupación do 109%, O reitor falou a continuación do segundo piar sobre o se sustenta a UVigo, “unha universidade investigadora que xera coñecemento, que compite coas mellores, que ten en conta o mérito e a capacidade”. O reitor, que asegurou que “queremos ás e aos mellores”, destacou que no ano 2025 a UVigo acadou 25 proxectos europeos de investigación aos que se suman 185 pendentes de resolver. En canto á transferencia, terceiro piar, no seu repaso, Reigosa repasou a evolución dos importes das actividades de transferencia que no ano 2025, acadaron unha cifra récord de máis de nove millóns de euros.
Despois de referirse ao cuarto pilar, o relativo ao compromiso co desenvolvemento social, cultural e económico do país, así como coa lingua e a igualdade”, para a continuación realizar un rápido repaso á arquitectura da investigación na UVigo con centros que teñen o selo Cigus de excelencia: CINBIO, CIM, atlanTTic, centros colaborativos como Cintecx; interuniversitarios como Ecobas, Cispac e Citmaga; e institutos de investigación como os de Física, computación e ciencias aeroespaciais, Agroalimentación, Lei e xénero, Linguaxe e Deportes.
Tras pedir ao alumnado premiado que sexa embaixador da institución e nun ton máis persoal, Reigosa manifestou o seu orgullo por todo o que se fixo ao longo da historia da UVigo, “logros que teñen pouco parangón”, asegurou e sinalou que a “UVigo non son edificios, nin organigramas, o que impacta é a súa xente que está comprometida”. Ademais de manifestar o seu convencemento no futuro da institución, pediu “que se siga a facer o camiño con sentido común” , para rematar lembrando que “esta é unha universidade pública ao servizo da sociedade”.
19 Premios extraordinarios de doutoramento
Maioría de mulleres entre oos 19 Premios extraordinarios de doutoramento outorgados, 13 alumnas fronte a seis alumnos. Atendendo aos ámbitos de coñecemento, tres dos premios son para estudantes de programas de doutoramento do eido das artes e humanidades (Martín Vázquez Fernández, Sara Tabuyo Santaclara e Andrea Davila Rubio); sete corresponden ao eido científico (Milena Álvarez Viñas, Luis Gimeno Sotelo, Uxía Calviño Barreiro, María del Carmen Costas Ferreira, Jessica Calo Rodríguez, Uxía Gómez Bouzo e Immacolata Maietta); catro do ámbito da enxeñaría (Antía Fernández Sanromán, Martín Damián Medina Sánchez, Juan José López Escobar e Alex Alonso Díaz) e outros cinco ao xurídico-social (Paula Martínez Molares, Iria González Romero, Nazaret Blanco Pardo, Alexo Breogán Rioboó Lois e Leire Pérez Pérez).
No caso de Nazaret Blanco Pardo, profesora axudante doutora na Facultade de Educacón e Traballo Social, centro no que se formou, ademais de recoller un dos Premios extraordinarios de doutoramento, a súa tese foi tamén recoñecida como Premio Egeria 2025. “Para min é unha inmensa honra recoller ambos os dous premios”, explicou Blanco, facendo fincapé en que se trata dun recoñecemento a toda a súa traxectoria académica, “algo moi importante para min e que me fai moitísima ilusión”. Na súa tese analizou as actitudes cara á violencia escolar e de xénero en adolescentes, incluíndo os comportamentos de bullying e violencia contra persoas trans e de xénero diverso. “Os principais resultados amosáronnos que as violencias LGTBI e as violencias cara as mulleres están claramente interrelacionadas e, polo tanto, hai que previlas de forma conxunta”, explica a investigadora, ao que engadiu que tamén se amosou que os rapaces presentan máis prexuízos sexistas, racistas e maior tolerancia á violencia, sendo tamén os que máis perpetran bullying.
No caso de Antía Fernández Sanromán, Premio extraordinario de doutoramento no ámbito da enxeñaría, expresou tamén o seu orgullo por recibir este recoñecemento. “Estou moi contenta porque vexo recoñecido todo o esforzo que dediquei durante anos á realización da miña tese de doutoramento”, explica a investigadora, quen tamén apunta que é un recoñecemento non só para ela “senón tamén para a miña directora de tese e a miña familia, pois sen o apoio de todos eles isto non sería posible”. Investigadora posdoutoral do grupo de Bioenxeñería e Procesos Sostibles do Cintecx, nuns meses desprazarase a Francia, “onde tentarei especializarme nunha liña de investigación que me gustaría implantar na Universidade de Vigo”.
53 Premios extraordinarios de grao
No caso dos 53 Premios extraordinarios de grao, elas tamén foron maioría -31 mulleres e 22 homes-. No campus de Vigo estes galardóns recaeron en 23 persoas (10 mulleres e 13 homes): no de Ourense as persoas premiadas foron 13 (nove mulleres e catro homes) e, en Pontevedra, foron nove as e os premiados (seis mulleres e tres homes). A maiores, tamén se concederon oito Premios extraordinarios de grao do curso 2024/2025 a egresadas e egresados dos centros adscritos á UVigo -seis mulleres e dous homes-.
Acompañada polos seus familiares, Laura de las Llanderas Forno, Premio Extraordinario no Grao en Educación Primaria, recoñeceu a “honra” que supón para ela recoller este premio. “Foron catro anos de intenso traballo e que a institución na que te formaches cho recoñeza deste xeito é de agradecer”, subliñou, admitindo que neste día tamén se lembra de todo o esforzo realizado “todas as horas de estudo e traballo, ano tras ano”. Na actualidade, continúa formándose no Mestrado en Necesidades Específicas de Apoio Educativo, tamén da UVigo, e nun futuro, agarda que próximo, “espero poder dedicarme á ensinanza, que foi o que sempre soñei”.
140 Premios de excelencia e 8 Premios Egeria
En canto aos Premios á excelencia académica, dotadas con 1000 euros para cada unha das persoas premiadas, recoñecéronse 105 estudantes de grao -73 mozas e 32 mozos- e 35 de mestrado -24 mozas e 11 mozos-.
No caso dos Premios Egeria 2025, recolleron galardón seis estudantes: Clara Sánchez Vázquez, Mª del Carmen Costas Ferreira e Nazaret Blanco Pardo, gañadoras na categoría de teses; Sara Nieto Fernández, na de Traballo Fin de Mestrado, e Ángel Manuel Vieites Rúa e Carla Nava Prol, en Traballos Fin de Grao.
