DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Contou coa participación do reitor da Universidade de Vigo

Celébrase a primeira reunión de coordinación para a posta en marcha do Centro de Intelixencia Artificial de Ourense

Desde o órgano municipal estiman que a súa actividade pode comezar en agosto ou setembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 10/03/2020

O espazo A Molinera acolleu este martes a primeira reunión para perfilar as liñas económicas e os aspectos de organización e coordinación para a posta en marcha do Centro de Intelixencia Artificial de Ourense. No encontro participaron Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense; Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense; Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Juan Manuel Cividanes, director xeral do Igape; Jesús Manuel García, director da UNED en Ourense; Julio González, vicerreitor adxunto de Investigación e Transferencia da UNED; Gonzalo Alonso, interventor do Concello de Ourense; David Olivieri, profesor da Universidade de Vigo, e Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense.

Previsións

Segundo indican en nota de prensa desde o Concello de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome destacou que foi unha reunión “moi frutífera, na que quedou clara a folla de ruta para empezar a incorporar os primeiros científicos”. Neste sentido, dixo que para coordinar o labor administrativo “estúdase contar cunha figura xurídica que transcenda ao concello, xa que o concello lidera este proxecto para que non haxa atrasos, pero en vistas do éxito que xa ten esta iniciativa, concordamos que debe haber unha administración supramunicipal”. Neste sentido, concretou que a vindeira semana “un comité comezará as reunións para que unha administración mixta, integrada por Concello, Deputación, Xunta de Galicia e as distintas universidades, elabore un convenio multilateral que recolla estes aspectos”. Pérez Jácome, indícase desde o órgano municipal, agarda que sexa inminente a transformación da Molinera no Centro de Intelixencia Artificial e estimou que a posta en marcha desta nova infraestrutura suporía un investimento de dez millóns de euros e que comezaría a súa actividade en agosto ou setembro deste ano, avanzando que a contratación do director do centro “vaise concretar en cuestión dun mes, e as convocatorias de prazas para os primeiros enxeñeiros informáticos ou de telecomunicación tamén se plasmarán xa, aínda que a súa incorporación será en agosto ou setembro”.

Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo afirmou sobre o proxecto que “semella unha aposta gañadora que pode traer moitos beneficios para a cidade e para a provincia de Ourense, e a Universidade de Vigo non pode facer outra cousa que aliñarse co que pensamos é unha política acertada”. “Nós faremos o posible para participar neste proxecto dentro das nosas capacidades para algo que é bo para Galicia pero moi especialmente para a cidade e a provincia de Ourense”, dixo Manuel Reigosa. Neste sentido, o reitor avanzou que a cooperación da Universidade de Vigo podería estar en consonancia con axudas desde o punto de vista das capacidades humanas e do coñecemento.

Polo que respecta á Deputación de Ourense, Manuel Baltar amosou, segundo indican en nota de prensa desde o Concello de Ourense, a súa satisfacción por participar nesta xuntanza. “Coñezo o proxecto do concello, unha entidade que achega un plus e que visibiliza á cidade e á provincia, e que vai na liña da innovación e da vangarda que desde a Deputación estamos apoiando”, dixo. Lembrando como este proxecto “tamén está en consonancia co dito polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo”, o presidente do goberno provincial salientou tamén o feito de que participasen na reunión os máximos responsables da Universidade de Vigo e da UNED en Ourense, “o que significa que é un proxecto que interesa e no que debemos involucrarnos todos para que sexa unha realidade no prazo máis breve posible”, augurando que terá “un incremento constante de apoio e fundamentalmente de talento, que é o que esta cidade e esta provincia necesitan”.