DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo filial, Celta-Universidade de Vigo, aspira a ascender a Primeira Nacional

O Celta Baloncesto Feminino visita á UVigo

Carlos Álvarez e Natalia Caparrini amosaron a estreita colaboración entre ambas entidades

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
D. Besadío DUVI 16/03/2021

O Celta Baloncesto Feminino e a Universidade de Vigo mantiveron este martes unha xuntanza na que se fixo patente o “excelente clima” existente entre dúas institucións que levan anos colaborando. Nesta ocasión, foi unha representación do equipo, encabezada polo seu presidente Carlos Álvarez Pacios, a que visitou ás instalacións universitarias, onde foron recibidos pola vicerreitora de Captación de alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, e o director da Área de Benestar, Saúde e Deporte, Alfonso Mandado.

“Esta visita é un reflexo da estreita colaboración entre o Celta Baloncesto Feminino e a Universidade de Vigo e amosa o firme compromiso que ten a UVigo co deporte”, salientou a vicerreitora, quen aproveitou para lembrar a aposta da Universidade por impartir unha formación integral a todo o seu alumnado, incluídos os deportes. Un dos puntos máis visibles desta colaboración é o equipo filial Celta-Universidade de Vigo, participante na categoría Primeira Senior Autonómica, equipo que o pasado verán tivo que renunciar á opción de ascenso de categoría a Primeira Nacional Feminina e que, segundo expuxo o seu presidente, están convencidos de que o conseguirán este ano, para o que os representantes universitarios lle desexaron “toda a sorte do mundo”.

A visita tivo lugar na sede cidade da Escola de Enxeñería Industrial e, xunto ao presidente do club, participaron o adestrador axudante, Nacho Silva, licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte da Universidade de Vigo e cinco xogadoras do primeiro equipo: Marita Davydova, licenciada pola Universidade de Florida Internacional; Adrienne Motley, licenciada pola Universidade de Miami; Ainhoa Lacorzana, estudante de Traballo Social da UNED; Sara Vidal, estudante de Dereito da UVigo, e Noa Comesaña, alumna de segundo de bacharelato e futura alumna da Universidade de Columbia.

Estatuto do Deportista Universitario e renovación das pistas do pavillón 

A vinculación entre ambos clubs iniciouse no ano 2007 coa sinatura dun convenio de colaboración no que, entre outras accións, se incluía a denominación do seu equipo filial como Celta-Universidade de Vigo. Este acordo, que se renovou por última vez no 2019 e permanecerá vixente ata 2022, baséase na promoción do baloncesto feminino entre a comunidade universitaria a través de diferentes eventos formativos e divulgativos que o Celta Baloncesto desenvolve cada tempada.

A raíz desta visita, desde a Universidade de Vigo aproveitouse para anunciar que xa se ten practicamente listo o Estatuto do Deportista Universitario,  “pensando, sobre todo, en facilitarlle a compatibilidade de estudo e deportes aos alumnos e alumnas que son deportistas de alto rendemento” e que, “se todo sae segundo o previsto”, explicou a vicerreitora, este verán renovarase a pista do Pavillón de Deportes da UVigo para que estas instalacións arranquen o novo curso 21-22 completamente renovadas.