DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase de traballadores de dez universidades españolas

Un centenar de persoas participa no XXXIX Campionato nacional de fútbol sala de PAS

Este martes pola tarde foron recibidos por representantes da UVigo e do Concello de Ourense

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Visitas
  • Deportes
DUVI Ourense 07/06/2023

Desde este luns e ata o sábado, o campus de Ourense acolle a celebración do XXXIX Campionato nacional de fútbol sala de persoal de administración e servizos (PAS) universitario. A cita reúne a arredor dun centenar de traballadores de dez universidades españolas que este martes pola tarde foron recibidos por representantes da UVigo e do Concello de Ourense. 

Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria, e Xabier Rial, director técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, foron os encargados de dar a benvida aos participantes no pavillón de deportes do campus de Ourense. Na súa intervención, a responsable institucional puxo en valor a longa tradición deste certame e o feito de que involucra nunha competición deportiva non ao alumnado universitario, como soe ser o habitual no contexto académico, senón ao persoal de administración e servizos. 

Agradecendo a participación nesta edición, os representantes da UVigo amosaron o seu desexo de que os participantes leven unha boa experiencia da súa visita á cidade e ao campus de Ourense, dos que destacaron o seu carácter acolledor. Na recepción tamén houbo unha homenaxe a dous PAS falecidos que habitualmente participaban neste campionato. Tras a recepción nas instalacións universitarias, os participantes desprazáronse ao Liceo de Ourense, onde foron á súa vez recibidos por Armando Ojea, tenente alcalde da cidade de Ourense.  

A final, o sábado

Este torneo xorde en 1982 da man dun colectivo do PAS das universidades de Estremadura e de Granada co obxectivo de unir lazos profesionais e de amizade a través da celebración dunhas xornadas lúdico-deportivas. A iniciativa tivo éxito e en 1983 organizouse o primeiro campionato de fútbol sala coa participación do persoal de administración e servizos destas dúas universidades, ás que se foron sumando outras institucións académicas españolas nos anos posteriores. A organización do campionato é rotatoria, sendo a primeira vez que se celebra no campus de Ourense, aínda que non na Universidade de Vigo. A cita, ademais do seu interese deportivo, ten o interese de que permite convivir durante unha semana a persoal de administración e servizos de dez institucións académicas estatais e dálles a oportunidade de coñecer o campus anfitrión cada ano.

Nesta edición participan no campionato, ademais da UVigo, equipos das universidades de Santiago de Compostela, Illes Balears, Granada, Cádiz, Oviedo, Almería, Murcia, La Laguna e Alacant. Os partidos celébranse no pavillón de deportes do campus, en horario de mañá, e réxense polas regras da Liga Nacional de Fútbol Sala, aínda que con algunhas particularidades. O sistema de xogo consiste nunha fase previa de dous grupos de cinco equipos, en sistema de liga a unha volta, que se desenvolve de luns a venres. Xa o sábado 10, ás 11.00 h, terá lugar a final, na que se enfrontarán os equipos clasificados en primeiro lugar de cada grupo para acadar o primeiro e segundo posto. Ás 12.30 h terá lugar a entrega de premios e clausura do campionato.