DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Abordaranse os retos que afectan tanto ao profesorado como ao estudantado 

Un cento de asistentes participarán na UVigo na III Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Educativa

Celebrase o día 20 de novembro no edificio Ernestina Otero

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 16/10/2025

Co obxectivo de crear, en palabras do vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente da UVigo, Alfonso Lago “un espazo conxunto entre as tres universidades do SUG que serva de reflexión e intercambio de experiencias para a mellora do ensino e a aprendizaxe na educación superior, nun contexto de transformación dixital e metodolóxica”, o 20 de novembro a Universidade de Vigo acolle e coordina a III Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Educativa, Xigaid. Preto dun cento de asistentes, maioritariamente procedentes de UVigo, USC e UDC, pero tamén persoas alleas ao ámbito universitario pero interesadas na innovación docente, participarán na xornada, na que se presentarán 100 pósters, tanto na modalidade virtual, como presencial. A mellora dos procesos ensino-aprendizaxe; estratexias institucionais de innovación docente e diversidade, igualdade e responsabilidade social e ambiental, son as liñas temáticas dos pósteres elixidas para esta edición da xornada, que previamente se celebrou nas universidades de Santiago e A Coruña.

“Cando se fala de innovación docente estamos a referir un proceso continuo e estudado da relación ensinanza-aprendizaxe introducindo novos procedementos, actividades, recursos e dinámicas para a mellora na calidade da formación en base a solucións novidosas que permitan un impacto positivo no rendemento do estudantado e no desenvolvemento das competencias que ten que conseguir. En definitiva, responder ás demandas dunha sociedade en constante cambio”, explica Lago, en relación co concepto e a aplicación da innovación docente no contexto da educación superior, que centrará a xornada do vindeiro día 20 de novembro na UVigo.

Temas e retos que enfronta o profesorado e o alumnado

 A integración significativa da tecnoloxía; o cambio no rol do profesor; a avaliación da aprendizaxe; a motivación e compromiso do estudantado; a formación docente continua e o uso das ferramentas tecnolóxicas como pode ser a incorporación da IA de maneira responsable, son algunhas das temáticas que se abordarán nos relatorios e pósteres que se presentarán na xornada e que responden, segundo ao vicerreitor de Titulacións e Innovación Educativa da UVigo “aos retos que afectan tanto ao profesorado como ao estudantado e en xeral, as institucións”.

Precisamente, Docencia en tempos de IA: desafíos, ética e pensamento crítico é o título da conferencia inaugural que impartirá Milagros Torrado Cespón, profesora titular en Ciencias da Educación da UNIR e á que seguirá unha mesa redonda sobre innovación na docencia universitaria, retos para un modelo máis eficaz, inclusivo e sostible, no que representantes das tres universidades abordarán cuestións como a asistencia do alumnado a clase; a introdución dos indicadores ODS; a inclusión social ou a sustentabilidade. A xornada concluirá pola tarde con tres experiencias, unha por cada universidade, sobre internacionalización e IA, entre outras temáticas.

78 grupos de innovación docente e proxecto UNIverso 

En relación co traballo que as tres universidades públicas galegas están a realizar no ámbito da innovación docente, Alfonso Lago, explica que “non hai un único ránking universitario en innovación docente, senón diferentes clasificacións que abordan a innovación docente desde distintas perspectivas. No caso da Universidade de Vigo, o Centro de Posgrao e Formación Permanente, encargado das tarefas de innovación educativa é un centro moi novo creado no ano 2023, que antes nacera como Escola Aberta de Formación Permanente”.

O vicerreitor de Innovación Docente da UVigo considera que aínda que queda moito por facer neste ámbito, cómpre destacar que “neste momento estase a falar da creación de 78 grupos de innovación docente e que se fixeron catro convocatorias de proxectos piloto de innovación docente con axuda do convenio de I+D+i da Xunta de Galicia: 40.000 euros no 2023, 52.000 euros no 2024 e está en proceso de xustificación as dúas convocatorias de 2025 na que se dedica a innvoación docente 110.000 euros”. No  caso concreto da UVigo, Alfonso Lago tamén reseña o traballo realizado en diferentes centros en virtualización de laboratorios coa a creación do proxecto UNIverso.