DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A visita dos nenos e nenas tivo lugar ao abeiro do programa Ciencia Singular

Un cento de estudantes coñecen en Cintecx a tecnoloxía que creará unha sociedade industrial e sostible

O centro de I+D porá en marcha un concurso para proxectos de investigación colaborativos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Visitas
  • Investigación
DUVI 13/12/2019

“Buscamos transmitir á sociedade en xeral non só todas as actividades que realizamos, senón tamén que a tecnoloxía nos axuda a conseguir unha sociedade industrial e sostible comprometida coa conservación do planeta”. Así explica José Luis Martínez Lastra, director do Centro de Investigación Tecnolóxico Industrial (Cintecx), as actividades que o centro está a desenvolver ao abeiro do programa Divulgando Ciencia Singular e que arrancaron este xoves coa visita de máis dun cento de estudantes do IES do Castro de Vigo. Ao longo da mañá as rapazas e rapaces coñeceron da man do persoal investigador diferentes laboratorios e proxectos que se están a levar a cabo por grupos relacionados coa enxeñaría industrial e a enxeñaría de minas e enerxía. 

Con actividades visuais e prácticas, o alumnado achegouse, por exemplo, ao ámbito da enxeñaría biomédica e os biomateriais e as súas achegas na mellora da calidade de vida da sociedade. Os mozos e mozas tamén analizaron o uso de recursos mariños con fins biotecnolóxicos e ambientais e viviron experiencias prácticas sobre cuestións relacionadas coas reaccións químicas de combustión. Puideron tamén realizar ensaios básicos con mostraxes reais sobre o comportamento do macizo rochoso no laboratorio de mecánica de rochas e probaron os métodos empregados para a avaliación de calquera tratamento de conservación de patrimonio cultural como os graffitis. 

“Os rapaces e rapazas están vivindo con preocupación a situación actual en canto ao cambio climático se refire. Por iso quixemos ensinarlles como a tecnoloxía resultante da investigación na área industrial, enerxética e de proceso pode axudar nun dos maiores retos ao que nos enfrontamos como sociedade, como é solucionar, ou polo menos diminuír, os efectos dunha sociedade industrial dende un punto de vista medioambiental”, salientou Lastra.

1ª edición de Cintecx Challenge

A divulgación do traballo realizado no Cintecx continuará ao abeiro dun plan de divulgación e transferencia á sociedade de tres anos de duración, co que se intentará chegar a todos os segmentos de idade da poboación. Así, tras as actividades con rapaces e rapazas, poranse en marcha outras accións dirixidas a persoas en idade laboral centradas “na inquedanza de como pode afectar aos seus postos de traballo unha sociedade dixitalizada e robotizada” e á poboación sénior, que poderá comprobar “como a investigación do noso centro pode beneficialos”. 

Por outro lado, o centro singular porá en marcha a 1ª edición de Cintecx Challenge, un certame centrado en proxectos do campo das tecnoloxías industriais que busca a promoción de propostas de proxectos colaborativos. A temática escollida para este ano serán os ‘Xemelgos Dixitais’, motivada polo continuo avance da dixitalización de procesos no sector industrial. Unha parte importante deste proceso é a creación de réplicas dixitais de organismos vivos ou artificiais, como produtos, servizos, sistemas... que serven de escenario de experimentación. O concurso está aberto a todos os grupos de investigación do Cintecx e valorará a colaboración con persoal investigador doutros grupos da Universidade de Vigo ou externos. O proxecto gañador contará cunha axuda de 25.000€ e será presentado ao público en xeral na vindeira edición de Divulgando Ciencia Singular.