A aula permanente do campus ofreceu na alameda o seu cuarto concerto nestas semanas
Un cento de instrumentos pechan un mes de música tradicional na rúa
Acompañada por outras cinco agrupacións
Achegar á cidadanía os resultados do traballo formativo que se desenvolve na Universidade é o obxectivo dos concertos que ao longo do mes de xuño a Aula Permanente de Música Tradicional Galega do campus de Pontevedra protagoniza en diferentes prazas da cidade. A terceira edición desta iniciativa, promovida coa colaboración do Concello, pechouse na tarde deste luns cunha actuación que reuniu na alameda preto dun centenar de intérpretes. Despois de tres concertos protagonizados polos integrantes do seu grupo de gaitas e percusión, a última actuación contou coa participación das e dos preto de 40 membros aula, nun formato de orquestra, que incorporaba tamén zanfonas, acordeóns, zanfonas, ocarinas e requintas. Fixérono ademais acompañados por integrantes da Escola de Instrumentos Populares Galego Suso Vaamonde de Caldas de Reis, a agrupación Tequexetéldere da Estrada, a Escola de Música e Baile Tradicional do Concello de Outes, a asociación A Fuliada de Betanzos e a asociación Hai que Roelo de Cuntis.
En total preto dun centenar de músicos, baixo a dirección do responsable desta aula, Suso Vaamonde, interpretaron un repertorio conformado por pezas tradicionais e populares, no que houbo espazo para muiñeiras, valses ou pasodobres. Deste xeito, pechábase un ciclo de actuacións nas tardes dos luns, que arrancou na praza da Verdura, para pasar logo polas prazas do Teucro e da Ferraría, onde esta agrupación estivo acompañada polo coro sénior do campus vigués e pola aula de baile tradicional do campus de Pontevedra, respectivamente.